Skip to main content
Actualidade

A mesa pola transición enerxética celebrarase o 10 de marzo

Por 17 Febreiro, 2020Sin comentarios

O Goberno fixou para o próximo 10 de marzo a reunión da mesa de transición enerxética para As Pontes, na que están chamados a participar a Xunta, Endesa, o Concello das Pontes e os voceiros dos colectivos afectados. Así o confirmou o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso tralo encontro que mantivo en Madrid coa secretaria do estado de Enerxía, Sara Aagesen.

Nesta reunión participarán os transportistas e os sindicatos, en representación dos traballadores auxiliares da central térmica galega que tanto o solicitaron nos últimos meses.

Valentín González mostrouse satisfeito con este avance, e incidiu na importancia de poñer enriba da mesa medidas con urxencia para os traballadores auxiliares —que só teñen garantida ocupación na central térmica durante o primeiro trimestre do ano—, para o colectivo de transportistas, que padecen unha parálise na súa actividade desde fai dez meses, e tamén para o persoal directo de Endesa, xa que, aínda que os seus postos non perigan, podería verse obrigada a desprazarse a centenares de quilómetros das súas casas.

Doutra banda, tamén lle pediu a Sara Aagesen que leve a cabo un seguimento do desenvolvemento das probas que na primavera levará a cabo Endesa nas súas instalacións pontesas para avaliar novamente a posibilidade de mesturar carbón con biocombustibles —principalmente lodos procedentes de depuradoras— para tentar reducir os custos de produción. Nas anteriores avaliacións participou o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía.

Por outra banda, o alcalde pontés manifestou a total colaboración ao Ministerio de Transición Ecolóxica para que leve a cabo todo tipo de xestións ante a Unión Europea para tentar unha mellor repartición para España dos fondos de transición xusta.