Skip to main content
ActualidadeRábade TERRACHÁXA

CCOO convoca concentracións en Lugo e Rábade polo servizo de ambulancias

Por 18 Febreiro, 2020Sin comentarios

Comisións Obreiras convoca este mércores mobilizacións en Lugo e Rábade para esixir que se cumpran os pregos do servizo de ambulancias. O sindicato leva meses denunciando varias irregularidades, entre as que destacan “a falta de limpeza dos vehículos e os atrasos no pagamento dos salarios”. Desde mediados de outubro, a concesión asúmea a UTE Servicios Sanitarios de Monforte y Otros (Servicios Sanitarios de Monforte, Sanitaria Lucense de Transportes e Ambulancias Luis Iglesias Carreira).

Os problemas, segundo CCOO, “non son novos, senón que xa se producían coa anterior concesionaria, Ambulancias Rubiero-Xirón, pero os problemas aumentaron co cambio de concesión. Dáse a circunstancia, apunta o sindicato, de que o xerente e administrador único de Ambulancias Iglesias é Iván Rodríguez Pombo, propietario de Xirón”.

CCOO lembra que as irregularidades das empresas relacionadas co transporte terrestre de persoas enfermas en Galicia desembocaron nun conflito en marzo do ano pasado. “A folga, cun seguimento masivo, obrigou o Sergas a aumentar a dotación orzamentaria das futuras licitacións, co obxectivo de mellorar as condicións laborais e a calidade do servizo”.

“Con todo, no pouco tempo que leva ao cargo do servizo —catro meses—, esta a UTE que asume o servizo en Lugo acumula xa varias denuncias na Inspección de Traballo. Segundo CCOO, os vehículos teñen «graves deficiencias», como a falta de material para atender as posibles urxencias, ausencia de equipos de protección individual (EPI) para o persoal ou o incumprimento dos protocolos de desinfección das ambulancias”, indican.

Aseguran que todas estas incidencias son constantemente comunicadas tanto ás xerencias das empresas e da propia UTE, como á dirección do 061 e á Inspección de Traballo, “pero ata o momento non houbo nin respostas nin solucións”, lamenta CCOO.

Por último, desde CCOO denuncian que estas empresas, “que se financian con diñeiro público, utilizan unha parte para despedir traballadores e traballadoras que unicamente esixen o cumprimento dos seus dereitos laborais, recollidos no convenio autonómico que rexe o sector. Ao tempo, o resto do persoal ve como lles deben nóminas, pagas extraordinarias e outros conceptos salariais, mentres a Administracións non fai nada”, censura o sindicato.

Para esixir solucións a esta situación, CCOO convoca concentracións o mércores 19 de febreiro entre as 10 e as 12 horas na rúa Montevideo, en Lugo, e de 16 a 18 horas no polígono de Sigalsa, en Rábade.