Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Convocadas as axudas para compensacións por inactividade e reposición de gando

Por 21 Febreiro, 2020Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou xa a orde da Consellería do Medio Rural que contempla as compensacións complementarias por inactividade (lucro cesante) e as axudas para a reposición de gando bovino, ovino e cabrún en explotacións afectadas polo sacrificio obrigatorio de animais por mor de programas oficiais de erradicación de enfermidades. A partida orzamentaria consignada para este ano 2020 ascende a 300.000 euros.

No caso das achegas por lucro cesante, poderán solicitalas os titulares de explotacións de gando bovino, ovino e cabrún nas que se ordenase o sacrificio de forma preventiva da totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial. Así, compensarase a perda de ingresos pola inactividade da explotación ata que se autorice a compra de novos animais.

No caso das axudas destinadas á reposición de gando, poderán beneficiarse os titulares que teñan que mercar cabezas de gando como consecuencia dun sacrificio obrigatorio dun ou máis animais existentes na súa granxa, debido ao diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou por mor dunha actuación sanitaria oficial.

Importes
O importe das compensacións complementarias por lucro cesante determinarase segundo os cálculos aplicados ás marxes brutas das principais actividades produtivas gandeiras das explotacións, tendo en conta o período de inactividade desde o día seguinte en que sexa efectivo o seu baleiro sanitario.

No que atinxe á reposición de gando, os importes serán de 500 euros por animal adquirido da especie bovina e 50 euros por animal comprado das especies ovina ou cabrúa (houbese ou non baleiro sanitario na explotación). Estes importes por animal serán incrementados nun 10% se a explotación pertencía a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) no momento da execución das probas sanitarias. Ademais, poderase conceder unha contía adicional por cada animal bovino comprado, nos casos en que os bovinos que se sacrificaron pertencesen a explotacións incluídas en núcleos de control leiteiro oficial, ou fosen dunha raza pura cárnica e estivesen inscritos no libro xenealóxico da raza.

As solicitudes de axudas de compensacións complementarias por inactividade ou para a reposición de gando poderán presentarse dende mañá ata o 30 de novembro de 2020. Deberán consignarse de xeito obrigatorio por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.