Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

O Concello de Friol cambia o tellado e mellora a accesibilidade da casa consistorial

Por 8 Marzo, 2020Sin comentarios

O Concello de Friol vén de comezar coas obras de acondicionamento e mellora da accesibilidade da cuberta da edificación ao non ser recuperable mediante reparacións puntuais. Repararanse tamén os paramentos verticais do baixo cuberta destinado a arquivo, mediante a reparación e pintura.

Ditas obras son necesarias debido ao mal estado de conservación que presenta a cuberta e a planta baixo cuberta da Casa do concello, con perigo de deterioración do arquivo que se almacena na devandita dependencia. A entrada de auga pola cuberta deteriora ademais a propia edificación e chega a supoñer perigo por desprendemento de elementos puntuais do revestimento da mesma.

Estas obras levarán a cabo con cargo ao Plan Único, por un importe duns 28.000 euros, nunha segunda fase está previsto con outro proxecto a instalación dun ascensor e mellorar a accesibilidade, esta segunda fase será a través dunha subvención da Xunta de Galicia por un importe de 39.000 euros.

Con esta subvención de Vicepresidencia preténdese realizar unha serie de reformas para facilitar a accesibilidade ao edificio consistorial, debido a que a día de hoxe presenta moitas dificultades de acceso para persoas con algún tipo de problemas de mobilidade.

Estes traballos que levarán a cabo para facilitar o acceso ao edificio, engloban a instalación dun ascensor no interior da Casa do concello, o que evitará ter que subir e baixar as escaleiras que actualmente son inevitables. Tamén se realizará un acondicionamento do exterior, mediante instalación de ramplas, que eliminen as barreiras arquitectónicas existentes, as cales impiden ou dificultan o acceso a persoas con mobilidade reducida e mesmo de cadeiras de bebés.

Desde o Equipo de Goberno consideran ditas obras de especial importancia, “dado que existía un obstáculo para a xente de idade avanzada e con problemas de saúde acceder ás dependencias do consistorio e sobre todo subir a dependencias superiores.

O alcalde, José A. Santos explica que a necesidade das obras “era palpable cando vía xente con problemas de mobilidade e segundo o tipo de xestións que tiñan que tramitar nas oficinas municipais debían de subir a plantas superiores, era evidente que tiñamos que mellorar dita accesibilidade e dar facilidades a eses veciños e veciñas que por desgraza teñen problemas desa índole”, comenta o rexedor.