Skip to main content
Actualidade

O servizo de prevención contra incendios desinfecta as residencias de maiores

Por 24 Marzo, 2020Sin comentarios

Os profesionais do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF) de Galicia inician a desinfección dos exteriores das residencias de maiores, das de discapacitados e dos centros de saúde dos municipios galegos de menos de 5.000 habitantes.

Así, o persoal do SPDCIF actuará en preto de 100 residencias de persoas maiores e de discapacitados e en máis de 460 centros de saúde de 200 concellos do rural durante a situación de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus. Os profesionais do SPDCIF desinfectarán estas áreas rurais tan concorridas e nas que existe un risco superior de contaxio.

Para executar estes traballos, os efectivos contan coa debida formación para facelos e con todo o material de protección necesario para asistir con todas as garantías sanitarias, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias ao efecto. Tamén dispoñen da maquinaria e os produtos precisos para efectuar as desinfeccións. Ade

A maiores, estes profesionais tamén se encargarán de vixiar as zonas de esparexemento no rural para garantir o confinamento e colaborarán nas comunicacións de posibles condutas irregulares a través da rede de emisoristas do propio Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF) de Galicia.

En concreto, estes labores executaranos os traballadores que participen voluntariamente na iniciativa durante as súas quendas de traballo. Con todo, é sabido que a súa función principal e primordial é a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar, unha cuestión que está garantida.

Así mesmo, ademais de dedicarse á disuasión de posibles comportamentos incendiarios, entre as funcións adicionais que se lle poden encomendar nun futuro poderán ser as de colaborar coas autoridades no auxilio a persoas residentes en zonas remotas ou de difícil acceso, así como no transporte de produtos como víveres ou material sanitario a zonas do rural galego.

Non obstante, a Consellería do Medio Rural insiste en que sempre estará garantida a dispoñibilidade prioritaria destes profesionais para os labores de vixilancia e extinción de incendios forestais na nosa comunidade.