Skip to main content
Actualidade

Abre o prazo para solicitar as axudas de comedor durante a crise

Por 30 Marzo, 2020Sin comentarios

Ata o 6 de abril, permanecerá aberto o prazo para solicitar as axudas de carácter directo dirixidas ás familias do alumnado beneficiario de bolsas de comedor escolar cuxo servizo xestiona a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, mentres estean suspendidas as clases presenciais.

Deste xeito, a Consellería de Educación aboará os menús escolares de todos os días lectivos mentres estean suspendidas as clases presenciais a aquelas familias que durante o curso son beneficiarias dunha bolsa de comedor gratuíta (que non pagan nada polo servizo) ou semigratuíta que pagan 1 euro/día, naqueles centros públicos cuxo servizo de comedor está xestionado pola Consellería.

Presentación de solicitudes
Tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, a solicitude formal deberá presentarse de xeito obrigatorio a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (httos://sede.xunta.gal). Naqueles casos nos que as familias non dispoñan de acceso electrónico, poderán solicitar a colaboración dos equipos directivos dos centros de ensino onde estean escolarizados os seus fillos.

Cada familia presentará unha única solicitude na que incluirá a totalidade dos fillos e fillas (cada un deles debidamente identificado) que sexan comensais gratuítos e semigratuítos de 1 € no comedor escolar xestionado pola Consellería nun centro de ensino público; así como a información da conta bancaria onde realizar o ingreso da compensación.

Segundo os datos da Consellería, a xaneiro do presente curso, o número de beneficiados por esta medida son preto de 45.000 alumnos, a razón de 40.480 usuarios con comedor gratuíto e 3.813 semigratuíto que pagan 1 euro. Así, no caso dos usuarios de comedor gratuítos a Consellería aboaralles 2,5 euros/día, e no caso dos usuarios semigratuítos recibirán 1,5 euros/día durante os 14 días lectivos computados durante a vixencia da declaración da situación de Emerxencia Sanitaria.

Para tal fin a Consellería de Educación vén de habilitar un crédito de 3 millóns de euros, que é o estipulado para atender os 14 días lectivos que van entre o comezo da suspensión da actividade lectiva presencial e dos servizos educativos complementarios o pasado 16 de marzo ata o día 12 de abril; así como unha previsión no caso dunha eventual segunda prórroga da situación de alarma.