Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

Alcaldes de Friol e Castro acusan a Tomé de inoperancia

Por 1 Abril, 2020Sin comentarios

A epidemia de coronavirus e a posterior declaración do estado de alarma son tamén motivo de controversia política. Así, alcaldes do PP da Terra Chá, que tamén son deputados provinciais, como os de Friol, José Ángel Santos, e Castro de Rei, Francisco Balado censuran o comportamento da Deputación ante esta crise á que acusan de inoperante.

Santos asegura que os fondos achegados aos concellos son só os que xa estaban previstos no Plan Único, que se dedicarán a gastos desta situación en lugar de usarse en investimentos, como estaba previsto.

“O presidente da deputación está a vendernos aos Alcaldes, segundo a información publicada nos medios, a axuda que a institución provincial ofrecerá, a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2020, para enfrontar as medidas sociais e económicas derivadas da crise dos Covid- 19, cando o feito é que esta axuda é limitada, soamente para permitir que os concellos asignen a gastos exclusivamente correntes derivados da situación de crise o monto que decidan descontar do capítulo que xa tiñan para investimentos, é dicir, non está destinado nin un só euro máis do inicialmente previsto para o Plan único”, explica.

O rexedor lémbralle ao presidente, que a esencia e a finalidade das deputacións provinciais é a de dar apoio e asistencia aos municipios que forman parte das mesmas, por tanto, “dada a extraordinaria situación que estamos a vivir debido á pandemia do Covid 19, é indispensable que a Deputación Provincial se poña ao dispor dos concellos, e como mínimo se preocupe da situación de cada un deles”, engade.

Balado, pola súa banda, non só agradece a actitude da Xunta senón tamén a do Goberno central, lembrando, por exemplo, que a UME desinfectou residencias da terceira idade do municipio.

Asegura que “botamos en falta o apoio institucional da Deputación de Lugo, xa que nin unha soa chamada telefónica recibimos, nin de parte do presidente, directa ou indirectamente, nin de calesquera outros deputados do Goberno Provincial, nestes momentos, nos que os concellos estamos a atravesar dificultades dende que se decretou o estado de alarma. Cónstame que a outros compañeiros, alcaldes lles sucedeu o mesmo, recibiron chamadas directas da subdelegada do Goberno e do delegado da Xunta, recibindo material de protección desta última institución, pero igualmente están sorprendidos pola falta de apoio institucional dende a Deputación Provincial, xa que non é explicable que sendo a institución máis próxima ós concellos, que sempre se precia de estar coas persoas, nin nos entregue material de protección como fixo a Xunta de Galicia, nin se nos chame dende o Goberno para ofrecernos apoio ou outros medios que puideran ser precisos.