Axencia de colocación

Caixa Rural Galega facilitará o aprazamento de hipotecas

Caixa Rural Galega, consciente dos efectos que esta situación de estado de alarma poden supoñer para algunhas familias, establece o seu propio mecanismo de moratoria que se suma á aprobado polo Goberno no Real Decreto Lei 8/2020.

Así, os clientes de Caixa Rural Galega que estando en situación de vulnerabilidade e afectados por esta crisis do Covid-19 pero que non cumpran algún dos requisitos da moratoria oficial, poderán optar a unha moratoria que permite aprazar un número maior de cotas e por un prazo superior ao fixado polo Real Decreto. Concretamente, será posible aprazar tres cotas durante un ano, de xeito que a Entidade facilitará a liquidez necesaria para facer fronte a estas cotas e, pasados os primeiros tres meses sen ter que afrontar pagamentos, as cotas aprazadas financiaranse durante o resto do ano en cotas mensuais.

Tratándose dun procedemento interno, a entidade non solicitará máis documentación que a habitual, aportando maior sinxeleza e prazos máis curtos de resposta. Ademais este procedemento será aplicable a calquera hipoteca, independentemente de si a finalidade sexa a adquisición de vivenda habitual ou non, xa que non só as hipotecas de vivenda poden apertar as economías das familias nunha situación como esta. Moitas inversións produtivas de autónomos e profesionais están financiadas con préstamos hipotecarios que neste intre, por falla de ingresos, poden supoñer un problema para a economía familiar.

En función da evolución e a duración do confinamento, a Entidade podería poñer en práctica outras medidas similares, pero aínda non está claro o alcance e as consecuencias do mesmo, polo que as posibles medidas irían adoptándose segundo o transcurso dos acontecementos.

En calquera caso, a renegociación da débeda de xeito individual e personalizado é unha posible alternativa que sempre está aberta ante situacións adversas que poidan sufrir os clientes.

En definitiva trátase de poder articular algún mecanismo rápido e sinxelo a quen poida pasar apuros transitorios ocasionados polo peche obrigatorio de negocios ou redución de actividade para moitos profesionais e autónomos, así como a familias afectadas por ERTEs.

Sen embargo, desde a Entidade esperamos que o deterioro non teña un alcance tal que as empresas, autónomos, explotación agrarias e familias, non poidan soportar na súa maior parte. E para aqueles casos nos que este parón teña consecuencias severas, estaremos para apoiar aos clientes na medida do posible para salvar o tecido produtivo e axudar ás familias afectadas.

Etiquetas