Lugo frea o número de positivos con 12 novos casos

LUGO

A área de Lugo rexistrou nas últimas 24 horas 12 novos positivos por coronavirus, co que o total na provincia é xa de 533. Cabe lembrar que o aumento de contagios nas xornada anteriores oscilou entre os 40 e os 87 casos novos por día, polo que se recorta notablemente.

Do total de pacientes, 12 atópanse ingresados en unidades de coidados intensivos (a mesma cifra que na xornada anterior). En concreto, cinco deles están no Hospital Público da Mariña e os outros 7 na do Hula.

Outros 91 infectados están ingresados —dous máis—, a maior parte no Lucus Augusti, aínda que 18 están no hospital de Burela e 11 no de Monforte. O resto, 440 contaxiados, están nos seus domicilios, o que implica un incremento en 10 persoas respecto a os 430 do día anterior.

No lado positivo, son 28 as persoas que recibiron xa o alta na provincia, catro máis, segundo os datos actualizados ata o mediodía. O número de falecidos na provincia, cun único caso novo, ascende a 12 desde o inicio da crise.

GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade pola súa banda informou tamén que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 4.635, deles 990 son da área da Coruña, 533 da de Lugo, 694 da de Ourense, 425 da de Pontevedra, 1.049 da área de Vigo, 675 da de Santiago, e 269 da de Ferrol. Segundo o Ministerio de Sanidade Galicia tiña superado xa os 5.000 positivos con 5.219, cifra diferente xa que se suman todos os casos detectados.

Do total de pacientes positivos, 176 permanecen en UCI, 870 están en unidades de hospitalización e 3.589 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 435 altas de pacientes e 149 falecementos. Segundo o Ministerio esta

O número de PCR realizadas é de 23.324.

Nas últimas horas foron un total de once as persoas falecidas en toda Galicia das que agás unha muller de 57 e dous de 67 o resto eran maiores de 70 anos e a maioría de 80 e todos eles tiñan patoloxías previas.

A área sanitaria de Santiago suma 84 novos casos confirmados nun só día. É a segunda cifra máis alta desde o inicio da crise, tras varias xornadas de tendencia positiva. Contrasta coas boas cifras de hoxe do resto de áreas sanitarias.

ESPAÑA

Os casos de coronavirus en España elévanse a 117.710, o que supón 7.472 máis que este xoves, segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade. Un total de 10.935 persoas morreron (932 máis), 30.513 curáronse (3.770 máis) e 6.416 precisaron nalgún momento de ingreso na UCI (324 máis).

A Comunidad de Madrid segue sendo a máis afectada, con 34.188 casos, 4.483 mortes, 13.850 recuperados e 1.506 están ingresados en unidades de coidados intensivos. Cataluña sitúase por detrás: 23.460 positivos, 2.335 falecementos, 7.849 dados de alta e 2.053 que ingresaron nalgún momento en coidados intensivos.

Por baixo dos 2.000 casos atópanse Estremadura (1.893 casos, 200 mortos, 64 en UCI e 164 dados de alta), Canarias (1.490 positivos, 73 falecidos, 102 curados e 120 en coidados intensivos), Asturias (1.433 contagios, 70 falecementos, 154 curados e 86 en UCI), Cantabria (1.321 positivos, 64 falecidos, 74 recuperados e 59 en UCI) e Baleares (1.257 confirmados, 69 mortos, 375 recuperados e 112 en UCI).

Tamén Murcia (1.145 positivos, 46 falecidos, 90 recuperados e 72 en UCI), que segue como a autonomía con menor número de positivos. Melilla ten xa 70 contaxiados, catro curados, 2 mortes e 3 en UCI, mentres en Ceuta hai un morto, dous curados e tres en UCI, dun total de 62 casos confirmados.

O presidente do Goberno anunciou a intención de solicitar ampliación do estado de alarma dúas semanas máis, ata o 26 de abril.

Con 117.710 casos rexistrados de coronavirus, España superou a Italia (115.242 segundo a última actualización de casos) e convértese no primeiro país de Europa e segundo do mundo tras Estados Unidos. Son 7.472 infeccións máis que onte, o que supón un 7% máis que o día anterior, unha porcentaxe un punto inferior ao dos últimos días.

O mundo ten xa máis dun millón de casos rexistrados de coronavirus e unha cuarta parte están en Estados Unidos, con máis de 245.500 casos. Os mortos son xa 53.379 en todo o mundo, 6.000 nas últimas 24 horas. Nas últimas horas outro país, Alemaña, superou a China ao alcanzar os 84.000 casos rexistrados. Son os datos da Universidade John Hopskins actualizados este venres e que inclúen tamén máis de 212.000 casos de pacientes recuperados da enfermidade.

PRECAUCIÓNS

A incidencia do novo coronavirus en Galicia é menor que noutras comunidades autónomas e que noutros países europeos. Non obstante, a única forma de diminuír o efecto que o coronavirus poida ter na nosa sociedade é a través da participación de toda a cidadanía. E para isto deben seguirse as recomendacións que se están a dar, dirixidas a minimizar o contacto entre as persoas e a manter uns hábitos correctos de hixiene respiratoria.

A continuación, relaciónanse unha serie de medidas provisionais especialmente dirixidas a reforzar a seguridade dos pacientes fráxiles ou máis vulnerables, como poden ser as persoas anciás pluripatolóxicas e inmunodeprimidas, co obxectivo de evitar que estean en lugares nos que conflúan con outros cidadáns.

Teléfono de información á cidadanía

No caso de que teña algunha dúbida ou necesite información respecto aos aspectos asistenciais do novo coronavirus ou se padece unha sintomatoloxía leve, pode chamar ao teléfono 900 400 116.

Aconséllase empregar o teléfono 061 con racionalidade e unicamente para situacións de emerxencia.

Recomendacións xenéricas

  • Hixiene de mans e hixiene respiratoria
  • Lavar as mans frecuentemente con auga e xabón ou utilizar unha solución hidroalcohólica.
  • Evitar tocar os ollos, o nariz e a boca se non se teñen as mans limpas.
  • Practicar unha boa hixiene respiratoria. É dicir, ao tusir ou esbirrar, tapar a boca e o nariz cun pano de papel, que inmediatamente hai que desbotar nunha papeleira, ou facelo contra a flexura do cóbado. Despois de tocar as secrecións respiratorias (despois de esbirrar, de tusir ou de usar panos) e/ou obxectos contaminados, deberanse lavar ben as mans.
  • De ter síntomas de infección respiratoria, como febre, tose, dificultade respiratoria ou dispnea, hai que afastarse doutras persoas e manterse a unha distancia de, polo menos, 2 metros.
  • Non se lles recomenda usar máscara como medida de protección a aquelas persoas que non estean enfermas ou que se atopen nun centro sanitario de acordo coas recomendacións que se establezan. Ao contrario, isto pode ser contraproducente e xerar unha sensación de seguridade que non é certa e, ademais, a súa manipulación pode motivar máis risco por contacto con nariz, boca ou ollos.
  • No caso das persoas máis fráxiles ou vulnerables, convén evitar, na medida do posible, espazos pechados cunha alta afluencia ou ocupación.

Sintomatoloxía

Os síntomas máis comúns da enfermidade polo coronavirus (COVID-19) son febre, tose, dificultade respiratoria ou dispnea.

No caso de que chegase dunha viaxe ou de que estivese en contacto con persoas que veñan dunha área de risco e presente os síntomas descritos, recoméndase que NON ACUDA DIRECTAMENTE AO HOSPITAL NIN AO CENTRO DE SAÚDE, senón que CONTACTE TELEFONICAMENTE.

Consulta telefónica

O Servizo Galego de Saúde ten establecidos sistemas de consulta telefónica á disposición da cidadanía nos centros de atención primaria. Por tal motivo, recórdaselles aos pacientes cuxo problema de saúde poida resolverse mediante esta modalidade de atención que soliciten a súa cita a través deste sistema de consulta telefónica, co fin de facilitar que poidan ser atendidos sen necesidade de acudir aos centros sanitarios.

Centros sanitarios

Evitar toda atención sanitaria que non sexa estritamente necesaria, coa finalidade de tratar de diminuír as concentracións de persoas nas salas de espera e tamén nos medios de transporte público.

No caso de que o paciente acuda a un centro sanitario con sintomatoloxía respiratoria aguda, debe poñer unha máscara, que estará á súa disposición nun lugar visible e sinalado. Se non o fai dun xeito proactivo e os profesionais do centro identifican signos ou síntomas de infección respiratoria aguda, indicaranlle ao paciente a necesidade de que poña a máscara.

Acompañamento nos centros sanitarios

Por seguridade, estará limitado o número de persoas que acceden aos centros sanitarios para acompañar os pacientes. Recoméndase que os pacientes acudan sós aos centros sanitarios. Se isto non fose posible, cada paciente que acuda a un centro sanitario, tanto do ámbito da atención primaria coma
hospitalaria, e tanto no caso de que se precise ingreso como se se trata dun proceso sen ingreso, só poderá ter, como máximo, un acompañante durante a estancia no centro. Recoméndase, do mesmo xeito, que na medida do posible este acompañante sexa menor de 70 anos, co obxecto de protexer este sector de poboación que se considera máis vulnerable.

Convén recordarlles aos visitantes e acompañantes de pacientes que non deben acudir aos centros sanitarios se presentan síntomas de ifección respiratoria aguda ou febre ou se proveñen ou estiveron en zonas ou lugares considerados como zonas de risco nos últimos 14 días.

Zonas de risco

Actualmente, clasifícanse como áreas con evidencia de transmisión comunitaria as seguintes:
– España: as comunidades autónomas de Madrid e A Rioxa, e os municipios de La Bastida e Vitoria-Gasteiz (País Vasco) e Miranda de Ebro (Castela e León)

– Italia (todo o país)
– Francia: departamentos de Haut-Rhin (Grabd Est) e l’Oise (Hauts-de-France)
– Alemaña: departamento de Heinsberg (Renania do Norte-Westfalia)
– China (todas as provincias, incluídos Hong Kong e Macao).
– Corea do Sur
– Xapón (illa de Hokkaidō)
– Singapur
– Irán
Nota: Estes territorios poden variar, polo que sempre debe consultarse na web do Ministerio de Sanidade a última actualización.
(
https://www.mscbs.gob.es/profesionales/saludPublica/ccayes/alertasActual/nCov-China/areas.htm)

Etiquetas