Skip to main content
Actualidade

Deputación e Estado ofrecen asistencia e mecanismos aos concellos para celebrar Plenos telemáticos

Por 6 Abril, 2020Sin comentarios

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, anuncia que a institución provincial ofrece aos 67 concellos da provincia asistencia técnica, asesoramento e colaboración para que poidan celebrar plenos, xuntas de goberno e órganos colexiados en xeral de maneira telemática. José Tomé enviará unha comunicación aos alcaldes e alcaldesas da provincia para explicarlles que pon á súa disposición este novo servizo gratuíto de cooperación cos concellos baixo demanda a través do departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación.

“O obxectivo desta iniciativa é facilitar a xestión municipal con total garantía e seguridade nesta situación de crise sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19. Os concellos terán a posibilidade de recibir dunha maneira totalmente gratuíta asesoramento e asistencia para desenvolver a súa actividade de forma telemática”, subliña o presidente.

Logo do bo desenvolvemento do primeiro pleno vía telemática que se celebrou na historia da Deputación de Lugo o pasado xoves, a institución provincial ofrece o mesmo protocolo de desenvolvemento operado polo servizo de Novas Tecnoloxías. Funciona a través dunha aplicación de videoconferencias na rede que permite conexións entre todo tipo de dispositivos (ordenadores de sobremesa e portátiles, teléfonos móbiles ou táblets). Trátase dunha ferramenta doada de usar e intuitiva.

O servizo de Novas Tecnoloxías estudará a particularidade de cada consistorio solicitante e recomendaralle a solución tecnolóxica máis acorde coas súas características e medios dispoñibles. Ofértanse varias opcións de colaboración, dende só asesoramento ata facer un seguimento de toda a sesión e a retransmisión por streaming a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo.

Esta medida desenvólvese de acordo á modificación da Lei Reguladora das Bases de Réxime Local acordada polo Consello de Ministros e publicada este 1 de abril, que recolle a posibilidade de que os órganos representativos locais e de goberno, así como outros órganos colexiados locais se poden reunir de maneira telemática e adoptar acordos durante o estado de alarma.

Con esta nova medida, a Deputación continúa adoptando as decisións ao seu alcance para cooperar cos concellos na loita para paliar os efectos da crise sanitaria, axudándolles a que podan seguir traballando, coa maior normalidade posible, en todos aqueles trámites que teñen como obxectivo a mellor atención á veciñanza.

O soporte técnico ofrecido pola Deputación permite ós concellos que poidan continuar celebrando, de maneira segura e eficaz, todas aquelas sesións de órganos colexiados que resultan importantes ou mesmo imprescindibles para sacar adiante trámites, procedementos ou medidas que inciden no benestar da cidadanía e no impulso da actividade económica do municipio.

A Deputación responde con esta iniciativa á súa función esencial como Concello dos Concellos. “A nosa principal función é a cooperación con eles, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os novos escenarios que están xurdindo. É aquí onde temos un papel clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas”, subliña o presidente.

Esta asistencia para celebrar órganos colexiados vía telemática súmase á que xa vén ofrecendo a Deputación de maneira habitual en materia  xurídica, de recursos humanos ou económica-financieira, entre outras moitas liñas de colaboración.

Froito do firme compromiso da Deputación coa cooperación cos concellos tamén é o Plan Único 2020, aprobado polo Pleno este xoves, que inxectará de maneira directa nos 67 concellos da provincia 21,3M€ e que o Goberno provincial decidiu adaptar para que os municipios poidan cubrir con estes fondos medidas sociais ante o coronavirus, polo que poderán dispoñer de ata 10,6M€ para este tipo de gastos.

Medidas do Estado

Por outra banda a Delegación do Goberno en Galicia lembra a concellos e deputacións provinciais que xa poden convocar e celebrar sesións dos seus órganos colexiados e adoptar acordos a distancia por medios electrónicos.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, pon de relevo esta medida aprobada polo Consello de Ministros, a proposta do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, que supón a modificación da Lei 7/1985, reguladora das Bases de Réxime Local, para facilitar o funcionamento ordinario e democrático destas entidades no momento actual, no que a súa colaboración é clave para garantir a eficacia das medidas adoptadas e a atención á poboación.

Para facilitar que se poidan celebrar as reunións de órganos colexiados, como plenos ou comisións, de forma telemática, engádese un novo apartado 3 ao artigo 46 da Lei coa seguinte redacción:

“3. En todo caso, cando concorran situacións excepcionais de forza maior, de grave risco colectivo, ou catástrofes públicas que impidan ou dificulten de maneira desproporcionada o normal funcionamento do réxime presencial das sesións dos órganos colexiados das Entidades Locais, estes poderán, apreciada a concorrencia da situación descrita polo Alcalde ou Presidente ou quen validamente lles substitúa para o efecto da convocatoria de acordo coa normativa vixente, constituírse, celebrar sesións e adoptar acordos a distancia por medios electrónicos e telemáticos, sempre que os seus membros participantes atópense en territorio español e quede acreditada a súa identidade. Así mesmo, deberase asegurar a comunicación entre eles en tempo real durante a sesión, dispoñéndose os medios necesarios para garantir o carácter público ou secreto das mesmas segundo proceda legalmente en cada caso”.

Tamén se describen os medios electrónicos considerados válidos: audioconferencias, videoconferencias e sistemas tecnolóxicos ou audiovisuais que garantan adecuadamente a seguridade tecnolóxica, a efectiva participación dos seus membros, a validez do debate e a votación dos acordos que se adopten.

Medida necesaria para situacións extraordinarias

A excepcionalidade da situación creada como consecuencia do Covid-19, levou ao Goberno para declarar o estado de alarma mediante o Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, ao amparo do artigo 116 da Constitución.

“Ante situacións como esta, con crises de grandes dimensións e que poidan producirse por causas de forza maior, con grave risco colectivo ou catástrofe pública, faise necesario adoptar medidas para garantir o funcionamento democrático das entidades locais.”

Así mesmo, e por razóns de seguridade xurídica, a lexislación básica de réxime local debe contemplar expresamente estas situacións de grave crise que impidan o funcionamento ordinario do réxime presencial dos órganos colexiados das entidades locais e, para garantir o seu funcionamento democrático, estes poidan constituírse, convocarse, celebrar sesións e adoptar acordos a distancia por medios electrónicos válidos, sempre que os seus membros participantes atópense en territorio español e quede acreditada a súa identidade.

Con este obxectivo modifícase o artigo 46 da Lei 7/1985, reguladora das Bases do Réxime Local, dentro unha norma con rango de lei, como a que como a que aprobou esta semana o Consello de Ministros, dada a situación de extraordinaria e urxente necesidade.