Skip to main content
Actualidade

O BNG de Outeiro reclama ao Concello medidas xeralizar o acceso ás tarefas escolares

Por 6 Abril, 2020Sin comentarios

“O sistema de ensinanza que se está a levar a cabo dende os centros educativos, debido á situación de alarma que estamos vivindo, está a acrecentar as diferenzas sociais, tanto no referente aos medios dos que poden dispor moitas familias como polas zonas xeográficas onde poden vivir. Se xa de por si existe habitualmente unha clara desigualdade de oportunidades, este sistema potencia e acrecenta estas desigualdades”, así o manifestou o voceiro do grupo nacionalista de Outeiro de Rei, Xosé Ferreiro.

Asegura que son os concellos, como administracións máis próximas aos cidadáns, son os que teñen a obriga de estar pendente deste tipo de problemas e poñer enriba da mesa as solucións precisas para garantir a igualdade de toda a súa cidadanía á hora de recibir os servizos esenciais. “Neste caso, cando tratamos de servizos educativos obrigatorios para as nosas crianzas, esta obriga de garantir a universalidade das oportunidade é aínda moito máis imperativa”.

Os nacionalistas aseguran que en Outeiro seguen existindo zonas onde as compañías de telecomunicacións non teñen ningún tipo de servizo e tamén, por desgraza, seguen existindo familias que por uns motivos ou outros non poden dispor de conexións a internet nin dos dispositivos electrónicos necesarios que garantan que os seus fillos e fillas poidan seguir o traballo telemático que lles están a propor dende os centros educativos, casos que dende eses centros están perfectamente detectados.

“Dende o BNG cremos que nunha situación como esta non se pode permitir que haxa algún neno ou nena que poida verse discriminada no sistema de formación a distancia que se está a deseñar e dado que oas casos que poden darse están perfectamente detectados polos centro educativos, o concello ten a obriga de poñer os mecanismos necesarios para corrixilos”, dixo Xosé Ferreiro.

É por iso que dende o BNG fixeron unha proposta ao concello para que solucione todos estes posibles problemas.

Pide nun primeiro momento que o Concello se poña en contacto co colexio de primaria de Outeiro e con IES de referencia, o instituto de Rábade, para que lles comuniquen aqueles casos onde se puideran producir dificultades técnicas para poder seguir as clases telemáticas que están a propoñer dende eses centros.

Ademais solicita que o Cconcello poña todos os mecanismos necesarios para que estes nenos e nenas teñan tanto os datos suficientes como as ferramentas necesarias para poder seguir as clases e as tarefas que dende eses centros educativos están a deseñar, cando menos mentres dure a situación de confinamento.

Indica a necesidade de que cando por motivos extraordinarios non sexan posibles estas solucións, se artellen outros sistemas para comunicar ao alumnado co centro, aínda que sexa a través de levarlles o traballo á casa e da casa ao centro educativo.