Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

A Xunta pide que se clarifique a esencialidade da actividade do forestal

Por 7 Abril, 2020Sin comentarios

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha videoconferencia con representantes do sector forestal, onde lles adiantou que a Xunta vén de realizar unha consulta ao Goberno central para que clarifique se as actividades deste eido produtivo se consideran un servizo esencial, e polo tanto, poden seguir con normalidade durante a emerxencia sanitaria.

O conselleiro trasladou que, trala publicación do Real Decreto Lei 10/2020 publicado o domingo no Boletín Oficial del Estado, non quedou o suficientemente claro que o sector forestal poida seguir con normalidade a súa actividade, ao non quedar explícito que se trate dun servizo ou actividade esencial.

Diante desta situación, e ante as dúbidas recibidas do propio sector forestal, a Xunta fixo onte mesmo esta consulta aos ministerios de Transición Ecológica y el Reto Demográfico, de Sanidad e á propia Delegación do Goberno en Galicia, co fin de garantir a adecuada interpretación do corpo normativo ditado en relación co estado de alarma que foi decretado por razón da emerxencia sanitaria do Covid-19. Así mesmo, José González avanzou que cómpre deixar claro que traballos se poden realizar e de que maneira.

Durante a reunión -na que tamén estivo presente o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan- o titular de Medio Rural escoitou as principais demandas dos representantes forestais e tomou nota das súas aportacións para facer, deste período excepcional, un lugar seguro de traballo e garantir a seguridade de todos os traballadores implicados.

Na xuntanza participou o director da Asociación Forestal de Galicia (Asforgal), Francisco Dans del Valle; o presidente da Asociación de Empresas de Servicios Forestais de Galicia (Serfoga), Alfonso Fernández; o presidente da Asociación Galega Monte Industria e da Fundación Arume, José Carballo e outro representante da asociación, Alejandro Oliveros; a secretaria xeral da Federación empresarial de Aserraderos y Rematantes de Madera de Galicia (Fearmaga), Ana Oróns; e o presidente da Asociación de empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo, Daniel Díaz.