Skip to main content
ActualidadeMeiraRiotorto

Prorrogado o prazo de entrega no IV Certame de debuxo e poesía Avelino Díaz

Por 13 Abril, 2020Sin comentarios

Os concellos de Riotorto e Meira, coa colaboración da AC Avelino Díaz¡, tomaron o acordo de atrasar a celebración do IV Certame de Debuxo e Poesía Avelino Díaz.

O motivo de tal decisión é a “grave e extraordinaria situación” derivada do estado de alarma decretado polo Goberno, feito que ocasiona a paralización do normal funcionamento de tódalas actividades da vida diaria, ao que se suma o peche dos centros escolares, principais canles do envío de traballos por parte dos escolares para o Certame, e o peche de bibliotecas, centros socioculturais, librerías, asociación culturais, actividade de concellos, e outros reducidos ó mínimo.

Todas as circunstancias descritas ata aquí fan inviable a celebración do Certame neste momento e nunhas condicións axeitadas para todas as persoas interesadas e implicadas no mesmo.

Por todo o exposto decidiron prorrogar a entrega de traballos para o IV Certame de Debuxo e Poesía Avelino Díaz ata que, unha vez comezado o próximo curso escolar, se precise a data final. Ó inicio do curso e en función da situación, acordarase a data límite de entrega de traballos, sendo esta anunciada polas canles ordinarias dos concellos de Riotorto e Meira, na páxina web da AC “Avelino Díaz”, nas redes sociais e na prensa.

Os traballos remitidos á Asociación ata o momento son válidos a todos os efectos, igual que os que se reciban a partir de agora. Todas as persoas interesadas poden seguir realizando os envíos, pois o prazo segue considerándose aberto.

Tamén se adía a reunión do xurado e a entrega de premios, ambos actos condicionados á data final de entrega de traballos. As novas datas faranse públicas, igualmente, a través das mesmas canles.

Os concellos de Meira e Riotorto, así como a AC Avelino Díaz, lamentan profundamente estas medidas que se viron forzados a tomar, así como os posibles trastornos ocasionados a tódalas persoas interesadas no Certame.