Entrepinares doa máis de 500 kilos de queixo a Cruz Vermella de Vilalba

A empresa vilalbesa Entrepinares fixo entrega de 523 quilos de queixo á delegación de Cruz Vermella en Vilalba que, á súa vez, repartirá entre as familias da zona que se atopen en situación de vulnerabilidade. A iniciativa solidaria xurdiu da empresa, que conta cunha factoría no polígono Sete Pontes.

Será a área social da entidade a encargada de distribuír os produtos nos próximos días. Esta non foi a única doazón que recibiu Cruz Vermella Vilalba, que xa recibiu nas súas instalacións produtos alimentarios do Parador de Vilalba, do Ceip Terra Chá de Román, do restaurante Montero e do Ceip Avelino Díaz de Meira e que posteriormente foron repartidos polos traballadores casa por casa.

A asemblea local da entidade, ademais, foi a encargada de repartir entre os servizos de emerxencia vilalbeses as pantallas protectoras elaboradas por dous particulares, unhas 50 máscaras das que parte irán parar ao centro de saúde da localidade. Pola súa banda, desde a ferraxería Pontes ofreceron material de protección e desinfección, como lixivia ou luvas, e desde Lavar & Secar puxeron o seu gran de area ao non cobrar o lavado dos uniformes de Cruz Vermella.

Ademais, un particular entregou varios lotes de alimentos, produtos de limpeza e aseo personal cos que se prepararán varios lotes de primeira necesidade que serán entregados a familias en situación de extrema vulnerabilidade.

Etiquetas