A Deputación inxecta 4,3 millóns nos concellos da Terra Chá ante a crise do Covid-19

A Deputación de Lugo inxecta 4,3 millóns de euros -4.302.319- nos concellos da Terra Chá para que podan impulsar medidas fronte á crise do coronavirus Covid-19 mediante o Plan Único 2020 e o adianto dos pagos mensuais ata xuño. O Presidente, José Tomé Roca, subliña que estes fondos son “un auténtico balón de osíxeno para os concellos, que lles permitirá responder mellor ante o novo escenario de necesidades e prioridades que provocou a crise sanitaria e económica causada pola pandemia”.

Por unha banda, o Goberno da Deputación decidiu adaptar o Plan Único 2020 abrindo unha nova liña de gasto para que os concellos poidan utilizar a metade dos fondos que perciben a medidas sociais ante o coronavirus. Así, os municipios da Terra Chá recibirán 3,7M€ do Plan Único, dos que poderán destinar máis de 1,8M€ a paliar os efectos do coronavirus.

Por outra banda, o Presidente decidiu adiantar aos concellos que teñen delegada na institución a xestión de impostos o importe correspondente aos pagos mensuais correspondentes a abril, maio e xuño, o que supón unha inxección directa de preto doutros 2,4M€ nos concellos chairegos, que ven así mellorada a súa liquidez para asumir gastos imprevistos, o pago a empresas e provedores ou as medidas que consideren oportunas.

Tomé Roca manifesta que estes fondos “contribuirán, non só a cubrir servizos sociais e velar pola calidade de vida e o benestar da cidadanía, senón tamén e de maneira moi importante á reactivación da economía e do emprego unha vez rematado o estado de alarma. Esta inxección económica repercutirá, no caso de investimentos ao abeiro do Plan Único, na contratación sobre todo de pequenas e medianas empresas, moitas de ámbito local, o que axudará a recuperar o pulso das economías locais”.

Prazos flexibles
O presidente da Deputación explica que, ademais da adaptación das bases para que os municipios que así o necesiten queden exentos da obriga de destinar o 50% da achega da Deputación a investimentos para poder dedicar ese importe a cubrir e resolver as necesidades que xurdan a raíz do impacto do coronavirus, outra das novidades do Plan Único 2020 é a flexibilización dos prazos para que os concellos teñan a marxe suficiente para acometer e prestar os servizos que sufragarán con cargo a estes fondos. Así, amplíase un mes tanto o prazo de contratación, pasando do 30 de setembro ao 30 de outubro, como o prazo para adxudicar os investimentos, quedando ata o 30 de novembro. Os concellos seguirán podendo utilizar as baixas ou aforros noutros investimentos, aínda que de xeito limitado, para non lastrar nin distorsionar os orzamentos das futuras anualidades. Así mesmo, introdúcese unha nova cláusula para velar polos dereitos dos traballadores garantindo o cumprimento dos convenios colectivos sectoriais.

Etiquetas