Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Distribúen patacas nos bancos de alimentos de toda a provincia

Por 24 Abril, 2020Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural vén de mercar un total de 100 toneladas de patacas para cederlle ao Banco de Alimentos de Lugo, co fin de que poidan desde alí repartir este produto alimentario ás familias que así o precisen mediante as sedes de Cáritas de toda España. Foi o que lle trasladou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiro, ao delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, na reunión por videoconferencia de onte. Ademais desta cantidade, o director xeral agradeceu tamén a colaboración dun produtor da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal), que cedeu outras 30 toneladas para esta causa.

A Consellería mercou este produto a través da nova canle de comercialización Mercaproximidade, co fin de apoiar o sector primario galego nesta situación de emerxencia sanitaria debido ao Covid-19. Deste xeito, o Goberno galego non só lle dá saída aos excedentes dos pequenos agricultores e gandeiros da nosa comunidade, senón que tamén contribúe a minimizar a perda de ingresos que poidan ter estes produtores debido ao peche das súas canles habituais de comercialización.

Cabe lembrar que, nos últimos días, a Xunta mercou numerosos alimentos tales como carne, queixos, mel e mesmo patacas que foron tamén cedidas a entidades e comedores sociais con este mesmo fin. Así, o Goberno galego distribuíu esta semana estes produtos entre o albergue Padre Rubinos, sito na Coruña; a Cociña Económica de Santiago; San Froilán Cáritas, en Lugo; o comedor social de Cáritas de Ourense; o comedor de San Francisco, en Pontevedra; e o comedor social Vida Digna, localizado en Vigo.

Esta actuación excepcional vén contemplada na orde impulsada pola Consellería, e publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 14 de abril, onde se especifica que a Xunta poderá mercar produtos de primeira necesidade a aqueles produtores que están tendo problemas para dar saída aos seus produtos, provocado fundamentalmente polo peche da hostalaría, da restauración e dos mercados tradicionais de proximidade.

A nova canle de comercialización Mercaproximidade botou a andar o pasado 15 de abril, tendo a día de hoxe máis de 100 produtores interesados en adherirse a esta fórmula de venda. Ademais, cabe destacar que xa están integrados os grupos Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -a través dos establecementos Eroski e Familia-, Carrefour, El Corte Inglés, Grupo Cuevas -a través da súa rede de supermercados Plenus-, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA. Non obstante, a iniciativa segue aberta a todas aquelas cadeas, empresas de subministración de colectividades e plataformas online que desexen sumarse, co obxecto de axudar aos agricultores e gandeiros galegos durante a emerxencia sanitaria.