O Centrad convocará unha liña de axudas directas para profesionais da artesanía

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, participou esta tarde nun encontro virtual con artesáns e artesás para analizar a situación en que se atopa o sector ante a crise provocada pola Covid-19.

Os participantes amosaron a súa preocupación polo futuro das feiras de artesanía, demostracións, obradoiros e visitas guiadas a curto e medio prazo e valoraron o interese do deputado por coñecer de primeira man as inquedanzas e necesasidades ante o novo escenario.

Durante a vídeo reunión, Efrén Castro avanzou que o Centro de Artesanía e Deseño está a traballar nunha liña de axudas directas cun importe mínimo de 50.000 euros. “Son achegas directas, que beneficiarán a todos os artesáns e artesás acreditadas. Estamos rematando de elaborar as bases para sacar adianta a convocatoria en canto sexa posible, e tratar de axudar ao sector no momento máis agudo da crise, dentro das nosas posibilidades”, expuxo o deputado.

Os participantes confirmaron que a pandemia obrigou a suspender feiras, envíos de pedidos e visitas de grupos que xestionaran nos últimos meses, afectando as súas economías. Tamén manifestaron a súa preocupación polo turismo, fonte de ingresos para os proxectos artesáns máis apegados ao territorio.

No encontro virtual participaron Francisco Fra, que ten en San Cibrao a única carpintería de ribeira en activo da provincia; a deseñadora Pilar Cupeiro que leva o seu obradoiro de iluminación e artes plásticas en Cospeito;  a xoieira lucense Estefanía Gazol de Mil Brumas; Elías González que segue a tradición oleira de Gundivós ; e o luthier Xaneco Tubío que ten o seu obradoiro de instrumentos en Outeiro de Rei.

Etiquetas