Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

O Concello de Guitiriz prepara xa a matrícula das Escolas Deportivas para o próximo curso

O Servizo de Deportes do Concello de Guitiriz informou hoxe de que xa está a preparar a matrícula das Escolas Deportivas para o próximo curso, que está previsto que poida desenvolverse con normalidade.

Polo tanto, a inscrición quedaría aberta no mes de setembro e, como é habitual, en outubro comezarán as diferentes actividades.

“De todos modos, está planificación sempre estará supeditada á evolución da crise sanitaria actual e informarase con antelación de posibles modificacións na folla de ruta”, explicou o técnico de Deportes, Manuel Martínez.

Con respecto ás Escolas Deportivas 2019-2020, o Servizo de Deportes lembrou que estas déronse por rematadas desde que se decretou o Estado de Alarma pola expansión do Coronavirus e, polo tanto, só se pasarán os recibos ata esa data (14 de marzo).

Ademais, Manuel Martínez lembrou que “as instalacións municipais que albergan actividades deportivas foron desinfectadas polos operarios do Concello polo que están listas para recuperar o seu uso en canto sexa posible”.

Como todos os anos a inscrición para a escola de fútbol sala será a primeira que se abra, para poder configurar e inscribir aos diferentes equipos. Polo tanto, do 18 ao 29 de maio os interesados ou interesadas atoparán na páxina web o documento para formalizar a inscrición.

Polo de agora seguen en pé as actividades previstas para a época estival, como o campamento de verán do mes de xullo e a apertura da piscina municipal, prevista para xuño. Desde o Servizo de Deportes están á espera de ver como evoluciona a crise sanitaria actual para tomar unha decisión definitiva sobre estas actividades, que se comunicará no seu momento.