Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Guitiriz celebrará a primeira carreira virtual Guitiriz Termal solidaria

Por 13 Maio, 2020Sin comentarios

Guitiriz celebrará o sábado 23 de maio a primeira carreira virtual Guitiriz Termal, que ten fins solidarios xa que todo o recadado a través das inscricións irá destinado ao fondo municipal creado para facer fronte ás situacións de emerxencia social xeradas pola crise da COVID-19.

O atleta local Toño Teijido López, en colaboración co Concello de Guitiriz, decidiuse a lanzar esta iniciativa para, dalgún xeito, suplir á carreira popular que se tiña que haber celebrado o pasado 5 de abril e que tivo que ser cancelada por mor da crise sanitaria. 

A inscrición xa está aberta e pode participar quen o desexe. Realizaranse facendo un donativo voluntario na conta bancaria habilitada polo Concello para a causa (ES 20 2080 0122 4631 1000 0022). Cando se faga o donativo é necesario poñer como concepto ‘Reto Guitiriz Termal’ para poder levar a cabo un reconto do total aportado. 

Cada participante debe elaborar o seu propio dorsal, dun xeito artesanal e tirando de orixinalidade. A proba non ten unha natureza competitiva, o único requisito é completar unha distancia de 7 quilómetros. Esta pode realizarse andando, correndo, en cinta ou en elíptica. Cando cada un remate o reto, terá que subir ás redes sociais unha captura de pantalla da app, reloxo, GPS… que se utilice e terá que ir acompañada sempre do hashtag #GuitirizTermal e dunha fotografía do dorsal personalizado.

O concelleiro de Deportes, Iván Morado, destacou que “nesta ocasión non haberá premios individuais pero si que haberá un común a todos e todas as participantes, que será a satisfacción de ver o total recadado para unha causa totalmente necesaria”.