Axencia de colocación

CHMS, Deputación e Concello de Meira investirá na mellora do saneamento

O Concello de Meira, a Deputación é a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil asinaron un convenio de colaboración que posibilitará a mellora do saneamento do Concello de Meira.

Na reunión participaron José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Pilar García Porto, da Deputación, e o alcalde de Meira, Antonio de Dios,  que rubricaron o convenio de colaboración  que determina as condicións para o financiamento, execución,  mantemento, conservación e posterior entrega das obras contempladas no Proxecto de mellora do saneamento e depuración en Meira.

A actual edar de Meira, executada nos anos 90, mostra problemas de funcionamento, polo que é precisa a substitución dalgúns equipos da mesma.

Pola súa banda, os colectores afluentes á planta, presentan tamén un importante grao de deterioración que se traduce nunha abundante entrada de auga limpa, sobre todo en época de choivas. Esta circunstancia provoca a sobrecarga hidráulica da planta e o mal funcionamento dalgún dos procesos, o que conleva verteduras ao río de augas insuficientemente tratadas.

Nun encontro celebrado en 2019, o Concello solicitou a colaboración da CHMS para solucionar o problemática detectada mediante un Convenio que determinase as condicións da colaboración entre as partes para o financiamento e execución das actuacións necesarias para mellorar o saneamento e evitar así as verteduras ao río, incumprindo os parámetros que constan na autorización de vertedura da edar.

O novo proxecto consiste na rehabilitación e impermeabilización dun total de sete pozos de rexistro do colector interceptor executado no ano 2009, así como na execución dun novo colector interceptor xeral que substitúa ao actual construído na década dos 90. Así mesmo substituiranse aqueles equipos da edar que presenten un funcionamento máis deficiente.

A CHMS será a encargada da redacción do proxecto, así como da licitación, adxudicación e xestión dos contratos da obra, servizos e calquera outros necesarios para a execución das actuacións contidas no Convenio, pola súa banda, o Concello de Meira asumirá a explotación, mantemento e conservación das actuacións executadas, unha vez tramitado o oportuno expediente de mutación demanial, ao amparo do disposto na Lei 33/2003, de Patrimonio das Administracións Públicas.

O investimento total necesario para a actuación estimouse en 570.000 euros e a achega dos cofinanciadores será 427.500 euros, pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o que supón o 75% do investimento; a Deputación Provincial de Lugo achegará 114.000 euros do custo inicialmente previsto, unha porcentaxe 20% do investimento; pola súa banda, o Concello de Meira achegará 28.500 euros, o 5% restante.

Etiquetas