Skip to main content
Actualidade

Baamonde pide ao presidente da Deputación consensuar un plan para a provincia

Por 18 Maio, 2020Sin comentarios

O PP fai un chamamento ao sentido da responsabilidade do presidente da Deputación, o socialista José Tomé, para que busque o consenso para deseñar un plan de intervención directa do organismo provincial para axudar á provincia a superar as consecuencias económicas da crise sanitaria. O viceportavoz popular Agustín Baamonde apela “ao sentido da responsabilidade do presidente da Deputación, para que esta institución asuma dunha vez o papel principal que lle corresponde neste delicado momento de transición entre a emerxencia sanitaria e a emerxencia económica”.

Baamonde destaca que para que a Deputación poida desempeñar o papel que lle corresponde na actual conxuntura son precisas dúas condicións. Por un lado, que Tomé “abandone a torre de marfil na que parece estar instalado e lidere verdadeiramente a institución que preside”. Ese liderado debe traducirse “nun plan específico para a provincia, pero un plan que mereza tal nome e non actuacións illadas como as que está a facer”.

Para deseñar un plan integral que resulte eficaz é necesario, asegura Agustín Baamonde, “buscar o consenso entre as distintas formacións políticas, algo que inexplicablemente non está a facer o presidente nunha situación como a que vivimos”. O mesmo representante do PP apunta certa confusión na actitude que mantén o socialista Tomé a este respecto: “Pide consenso, si, pero ten que entender, que consenso non significa submisión da outra parte, senón diálogo, acordo e vontade de colaboración, que é algo que nós ofrecemos dende o minuto cero desta crise”.

Baamonde di que para dialogar, debater e chegar a acordos hai canles establecidas, como son a xunta de portavoces e o pleno da corporación. “Nós pedimos reiteradamente ao presidente a convocatoria dunha reunión da xunta de portavoces, e reiteradamente foi desoída a nosa solicitude”. Recorda que tampouco foi convocada a sesión plenaria ordinaria correspondente ao pasado mes de abril. Así as cousas, “no PP vémonos na necesidade de solicitar un pleno extraordinario, que non sería preciso se as cousas se fixeran doutra maneira”.

Baamonde declarou: “Apelo ao sentido da responsabilidade do presidente da Deputación, que debe impoñer o convencemento da necesidade de participación de todas as forzas políticas para consensuar un plan integral para sacar adiante á provincia nunha situación tan complicada como a actual”.