Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

A Deputación inicia as obras de construción do centro de maiores de Guitiriz

Por 20 Maio, 2020Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e os deputados de Promoción do Territorio, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes na sinatura da acta de reinicio do replanteo das obras do centro de atención a maiores da localidade chairega, o documento técnico que marca o inicio inmediato dos traballos de construción na Casa da Botica dunha dotación social na que a institución provincial inviste 1,2 millóns de euros.

As obras comezarán entre esta tarde e mañá, unha vez asinada a acta de reinicio do replanteo polo director de obra e un representante da empresa adxudicataria, tras modificarse o Plan de Seguridade e Saúde para adaptalo ás novas condicións esixidas pola crise sanitaria da Covid-19. Neste plan tamén se incluíu un novo apartado para efectuar a demolición do interior da edificación, que sufriu deterioracións este inverno causadas polas condicións meteorolóxicas adversas.

O presidente asegura que o inicio da construción da residencia “é un momento histórico para Guitiriz” porque, subliñou, “para chegar ata aquí houbo que superar un proceso longo e complexo, no que resultou fundamental a estreita colaboración e contacto permanente entre a Deputación e o Concello. Xuntos sacamos adiante un proxecto que é moi demandado polos veciños e veciñas, non só porque mellorará o benestar social, senón tamén porque creará emprego sostible na zona”.

O presidente engadiu que Deputación sigue demostrando a súa “firme e clara vontade de cumprir con todos e cada un dos compromisos adquiridos cos concellos en materia de construción e posta en marcha das residencias, tal e como afirmamos dende o principio do mandato”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Guitiriz amosou a súa satisfacción polo inminente inicio das obras de construción da residencia, un proxecto que “foi unha prioridade para o equipo de goberno desde o comezo do mandato e que, primeiro pola tardanza da Xunta en achegar a autorización e logo pola situación xerada pola expansión do Coronavirus, se demorou máis do previsto”.

Ademais, Marisol Morandeira agradeceu persoalmente ao presidente da Deputación o seu compromiso xa que “retomou en canto foi posible o inicio das obras dunha infraestrutura fundamental para o noso municipio e para os veciños e veciñas de Guitiriz”.

Modelo público e de proximidade
A residencia de Guitiriz, que ten un prazo de execución de 12 meses, ofrecerá 52 prazas repartidas en 26 habitacións, que poden ser habilitadas dobres. Seguindo o modelo de xestión establecido entre a Deputación e os concellos, os veciños e veciñas de Guitiriz terán prioridade de acceso, logo os dos restantes municipios da comarca da Terra Chá e, seguidamente, lucenses en xeral. Do mesmo xeito, o prezo da praza adaptarase á capacidade económica de cada maior para que todos poidan acceder á mesma.

O modelo de residencias da Deputación de Lugo, afirmou o presidente, garante que os usuarios e usuarias “poidan seguir vivindo preto dos seus familiares, dos veciños e amigos, mantendo o arraigo á súa terra, nun centro público no que reciben unha atención próxima e de calidade”. Estas características dos centros de maiores provinciais, engade José Tomé, “repercuten no seu benestar físico, pero tamén no benestar emocional”.

Características
O centro de maiores que a Deputación acondicionará na Casa da Botica constará de tres plantas e disporá de 26 habitacións individuais para uso normal, que poden converterse en habitacións dobres, e unha habitación, a maiores, para uso de enfermería por residentes que precisen unha atención sanitaria importante.

A planta baixa do edificio existente reformarase para albergar a cociña e zonas de servizo anexas, o comedor, o despacho de dirección, os aseos adaptados e unha sala de reunións, así como un distribuidor e unhas escaleiras que comunicarán esta planta coas superiores. Na zona de nova construción situarase o acceso principal da residencia, a recepción, o monta-padiolas (que servirá tamén de ascensor), un pequeno almacén de roupa, 5 dormitorios para residentes, con cuarto de baño adaptado cada un deles, así como os vestiarios e aseos do persoal. Nesta parte do edificio situarase outra escaleira que unirá esta planta coas altas.

A primeira plantaalbergará na zona do edificio existente unha sala multiusos, un local para fisioterapia, un ximnasio, un despacho médico, unha habitación de enfermería con baño incorporado adaptado, e dous aseos adaptados para uso xeral. Na parte de nova construción haberá 6 habitacións, cada unha delas cun baño adaptado incorporado, e un local para baño xeriátrico, así como unha pequena zona de estar.

Na segunda planta, na parte correspondente ao edificio existente, haberá 9 habitacións cada unha delas con baño adaptado incorporado, mentres que a parte de nova construción albergará 6 habitacións con baño adaptado cada unha, así como un pequeno local para almacén e útiles de limpeza.