Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Concello de Vilalba renovará o alumeado do lugar de Buxibán

Por 22 Maio, 2020Sin comentarios

O Concello de Vilalba anunciou que investirá preto dos 27.000 euros na renovación do alumeado público no barrio de Buxibán, na parroquia vilalbesa de Codesido, co obxectivo de mellorar as condicións de seguridade da instalación existente, que agora mesmo conta con partes moi deterioradas debido á súa antigüidade.

A execución deste proxecto ten un prazo previsto dun mes e contará coa instalación de 21 luminarias de tecnoloxía led de 26 vatios cada unha.

Tamén se habilitará unha caixa xeral de protección, unha liña xeral de alimentación e un cadro de medida e protección e cambiarase o trazado existente nas zonas deterioradas.

A finalidade desta actuación é adecuar a instalación eléctrica á normativa actual, reducir o custo enerxético e económico mediante a substitución das luminarias actuais con baixo rendemento e alto consumo por tecnoloxía LED, xerar as mínimas emisións de CO2 cunha instalación de clasificación enerxética A, mellorar o impacto visual e reducir a contaminación lumínica, tal e como anunciaron dende o Concello.

Este proxecto súmase ao anunciado recentemente polo Concello vilalbés para renovar o alumeado público no barrio da Cotoriña, na parroquia de Insua. Alí instalaranse 15 luminarias led e modificarase o cadro eléctrico existente. O orzamento para esta actuación ronda os 21.000 euros.