Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

A primeira carreira virtual Guitiriz Termal solidaria logra recadar 1.185,62 euros

Por 25 Maio, 2020Sin comentarios

A primeira carreira virtual Guitiriz Termal foi todo un éxito, de participación e de solidariedade. Foron 1.185,62 euros os recadados nesta iniciativa lanzada polo atleta local Toño Teijido López, en colaboración co Concello de Guitiriz, e que se destinarán a facer fronte ás situacións de emerxencia social xeradas pola crise da COVID-19.

Un total de 148 persoas completaron o reto. A proba non tiña unha natureza competitiva, o único requisito era completar unha distancia de 7 quilómetros. Esta podíase realizarse andando, correndo, en cinta ou en elíptica. Ao rematar os participantes foron subindo ás redes sociais unha captura de pantalla da app, reloxo ou GPS utilizado e tamén unha fotografía do seu dorsal personalizado.

Esta proba, que dalgún xeito serve para suplir á carreira popular que se tiña que haber celebrado o pasado 5 de abril e que tivo que ser cancelada por mor da crise sanitaria, tiña o obxectivo de, a través dun donativo no momento da inscrición, recadar fondos para a conta bancaria habilitada polo Concello para loitar contra situacións de emerxencia social (ES 20 2080 0122 4631 1000 0022).

O concelleiro de Deportes, Iván Morado, aplaudiu a elevada participación e destacou que “Guitiriz é un pobo solidario é amósao con accións coma esta, que non sería posible sen a figura de Toño Teijido, ao que desde o Concello agradecemos a súa continua colaboración”.