Axencia de colocación

O número de contaxiados en Lugo estáncase

LUGO

Tralo lixeiro repunte do domingo, a incidencia do coronavirus volve estabilizarse na provincia de Lugo.

Este luns, segundo o informe do Sergas, os pacientes con covid-19 mantéñense en 58. Tampouco hai cambios no número de persoas na Uci (2) e hospitalizadas en planta (2). Todos se atopan no Hula

O resto dos 54 pacientes están a ser tratados nos seus domicilios. Desde o inicio da alerta sanitaria morreron na provincia 27 persoas e a cifra de curados é de 859.

GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 854, deles 207 son da área da Coruña, 58 da de Lugo, 127 da de Ourense, 36 da de Pontevedra, 255 da área de Vigo, 145 da de Santiago, e 26 da de Ferrol. Esto supón un total de quince casos menos que o domingo.

Do total de pacientes positivos, 11 permanecen en UCI, 60 están en unidades de hospitalización e 783 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 9.740 persoas curadas, rexistrándose 614 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 135.464. O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 0,3% do total das persoas residentes.

En termos xerais, Galicia segue freando o virus, pero cada vez máis amodo. Desde que a Xunta cambiou a súa forma de contar casos o 29 de baril, a área ourensá era a única das sete galegas que experimentara un descenso sen interrupcións. Esa mellora hase trucado este luns cun lixeiro repunte de tres casos máis desde o domingo.

ESPAÑA

O Ministerio de Sanidade informou este luns de 50 mortos máis por coronavirus, pero excluíu a preto de 2.000 falecidos da estatística total tras cambiar outra vez o sistema de reconto. Así, producíronse un total de 26.834 falecementos desde o inicio da pandemia, polo que Sanidade rectificou este dato, que onte se situaba en 28.752 decesos. En concreto, deixaron de aparecer na estatística 1.126 mortos en Cataluña, 291 en Madrid, 152 en Castela-A Mancha, 62 en Comunidade Valenciana e 48 en Castela e León.

Nas últimas 24 horas, as comunidades autónomas han notificado ao Ministerio de Sanidade 132 novos positivos, elevando o total a 235.400. Esta é a menor cifra en casos nun día desde o 5 de marzo (78). Nos últimos 14 días rexistráronse 6.846 casos, e 3.121 no últimos sete días. Deles, 1.026 persoas iniciaron síntomas nas últimas dúas semanas e 243 na última semana.

Os 132 novos casos localízanse en Aragón (dous), Asturias (dous), Canarias (dous), Castela e León (1), Cataluña (89), Comunidade Valenciana (dúas), Estremadura (dúas), Madrid (18), Murcia (seis), Navarra (seis) e A Rioxa (dous).

Por outra banda, once persoas ingresaron en coidados intensivos (11.298 no acumulado) e 256 precisaron de hospitalización, 122.439 en total. Dos 11 novos ingresados en UCI, tres pertencen a Andalucía, un a Aragón, un a Canarias, dous a Castela-A Mancha, un a Comunidade Valenciana e tres a Madrid.

En hospitalizados, 22 son de Andalucía, 17 Aragón, tres Asturias, sete Baleares, cinco Canarias, dous Cantabria, 22 Castela-A Mancha, 25 Castela e León, un Cataluña, un Ceuta, 23 Comunidade Valenciana, 13 Estremadura, seis Galicia, 94 Madrid, un Navarra, 9 País Vasco e cinco A Rioxa.

PRECAUCIÓNS

A incidencia do novo coronavirus en Galicia é menor que noutras comunidades autónomas e que noutros países europeos. Non obstante, a única forma de diminuír o efecto que o coronavirus poida ter na nosa sociedade é a través da participación de toda a cidadanía. E para isto deben seguirse as recomendacións que se están a dar, dirixidas a minimizar o contacto entre as persoas e a manter uns hábitos correctos de hixiene respiratoria.

A continuación, relaciónanse unha serie de medidas provisionais especialmente dirixidas a reforzar a seguridade dos pacientes fráxiles ou máis vulnerables, como poden ser as persoas anciás pluripatolóxicas e inmunodeprimidas, co obxectivo de evitar que estean en lugares nos que conflúan con outros cidadáns.

Teléfono de información á cidadanía

No caso de que teña algunha dúbida ou necesite información respecto aos aspectos asistenciais do novo coronavirus ou se padece unha sintomatoloxía leve, pode chamar ao teléfono 900 400 116.

Aconséllase empregar o teléfono 061 con racionalidade e unicamente para situacións de emerxencia.

Recomendacións xenéricas

  • Hixiene de mans e hixiene respiratoria
  • Lavar as mans frecuentemente con auga e xabón ou utilizar unha solución hidroalcohólica.
  • Evitar tocar os ollos, o nariz e a boca se non se teñen as mans limpas.
  • Practicar unha boa hixiene respiratoria. É dicir, ao tusir ou esbirrar, tapar a boca e o nariz cun pano de papel, que inmediatamente hai que desbotar nunha papeleira, ou facelo contra a flexura do cóbado. Despois de tocar as secrecións respiratorias (despois de esbirrar, de tusir ou de usar panos) e/ou obxectos contaminados, deberanse lavar ben as mans.
  • De ter síntomas de infección respiratoria, como febre, tose, dificultade respiratoria ou dispnea, hai que afastarse doutras persoas e manterse a unha distancia de, polo menos, 2 metros.
  • Non se lles recomenda usar máscara como medida de protección a aquelas persoas que non estean enfermas ou que se atopen nun centro sanitario de acordo coas recomendacións que se establezan. Ao contrario, isto pode ser contraproducente e xerar unha sensación de seguridade que non é certa e, ademais, a súa manipulación pode motivar máis risco por contacto con nariz, boca ou ollos.
  • No caso das persoas máis fráxiles ou vulnerables, convén evitar, na medida do posible, espazos pechados cunha alta afluencia ou ocupación.

Sintomatoloxía

Os síntomas máis comúns da enfermidade polo coronavirus (COVID-19) son febre, tose, dificultade respiratoria ou dispnea.

No caso de que chegase dunha viaxe ou de que estivese en contacto con persoas que veñan dunha área de risco e presente os síntomas descritos, recoméndase que NON ACUDA DIRECTAMENTE AO HOSPITAL NIN AO CENTRO DE SAÚDE, senón que CONTACTE TELEFONICAMENTE.

Consulta telefónica

O Servizo Galego de Saúde ten establecidos sistemas de consulta telefónica á disposición da cidadanía nos centros de atención primaria. Por tal motivo, recórdaselles aos pacientes cuxo problema de saúde poida resolverse mediante esta modalidade de atención que soliciten a súa cita a través deste sistema de consulta telefónica, co fin de facilitar que poidan ser atendidos sen necesidade de acudir aos centros sanitarios.

Centros sanitarios

Evitar toda atención sanitaria que non sexa estritamente necesaria, coa finalidade de tratar de diminuír as concentracións de persoas nas salas de espera e tamén nos medios de transporte público.

No caso de que o paciente acuda a un centro sanitario con sintomatoloxía respiratoria aguda, debe poñer unha máscara, que estará á súa disposición nun lugar visible e sinalado. Se non o fai dun xeito proactivo e os profesionais do centro identifican signos ou síntomas de infección respiratoria aguda, indicaranlle ao paciente a necesidade de que poña a máscara.

Acompañamento nos centros sanitarios

Por seguridade, estará limitado o número de persoas que acceden aos centros sanitarios para acompañar os pacientes. Recoméndase que os pacientes acudan sós aos centros sanitarios. Se isto non fose posible, cada paciente que acuda a un centro sanitario, tanto do ámbito da atención primaria coma
hospitalaria, e tanto no caso de que se precise ingreso como se se trata dun proceso sen ingreso, só poderá ter, como máximo, un acompañante durante a estancia no centro. Recoméndase, do mesmo xeito, que na medida do posible este acompañante sexa menor de 70 anos, co obxecto de protexer este sector de poboación que se considera máis vulnerable.

Convén recordarlles aos visitantes e acompañantes de pacientes que non deben acudir aos centros sanitarios se presentan síntomas de ifección respiratoria aguda ou febre ou se proveñen ou estiveron en zonas ou lugares considerados como zonas de risco nos últimos 14 días.

Zonas de risco

Actualmente, clasifícanse como áreas con evidencia de transmisión comunitaria as seguintes:
– España: as comunidades autónomas de Madrid e A Rioxa, e os municipios de La Bastida e Vitoria-Gasteiz (País Vasco) e Miranda de Ebro (Castela e León)

– Italia (todo o país)
– Francia: departamentos de Haut-Rhin (Grabd Est) e l’Oise (Hauts-de-France)
– Alemaña: departamento de Heinsberg (Renania do Norte-Westfalia)
– China (todas as provincias, incluídos Hong Kong e Macao).
– Corea do Sur
– Xapón (illa de Hokkaidō)
– Singapur
– Irán
Nota: Estes territorios poden variar, polo que sempre debe consultarse na web do Ministerio de Sanidade a última actualización.
(
https://www.mscbs.gob.es/profesionales/saludPublica/ccayes/alertasActual/nCov-China/areas.htm)

Etiquetas