Ampliado o prazo para as axudas da xestión forestal

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se continúa o prazo de presentación de solicitudes das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais (IOXF), ao levantarse a suspensión decretada pola declaración do estado de alarma. Así mesmo, prosegue o procedemento de concesión destas subvencións cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, que contan cun orzamento de seis millóns de euros.

A finalidade desta liña de achegas é facilitarlles aos propietarios que dispoñan dunha ferramenta técnica coa que organizar os seus recursos forestais e que garanta unha xestión sustentable do monte. Así, estes fondos permiten subvencionar a redacción dos instrumentos de ordenación tales como proxectos de ordenación, documento simple de xestión, documentos compartidos de xestión e as comunicacións da adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou outros modelos de xestión forestal, como os sistemas silvopastorís.

As comunicacións de adhesión a modelos silvícolas ou de xestión forestal serán imprescindibles para a realización de aproveitamentos forestais naqueles montes de menos de 15 hectáreas a partir do 31 de decembro de 2020 e para o resto será a partir do 31 de decembro de 2028. Polo tanto, existe unha necesidade de impulsar de xeito decidido este tipo de ferramentas que se adaptan ao tamaño destas propiedades e á súa intensidade de uso.

Asemade, e co fin de fomentar a certificación forestal, todos os IOXF obxecto de axuda terán que presentarse entre os meses de abril e xuño de 2021. Feita a súa presentación, disporán do prazo dun ano para certificarse mediante, cando menos, un sistema internacionalmente recoñecido.

O novo prazo de presentación de solicitudes será de 45 días hábiles dende hoxe, día no que se publica esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Etiquetas