Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Concello de Vilalba inicia un estudo para mellorar a mobilidade no municipio

Por 2 Xuño, 2020Sin comentarios

O Concello de Vilalba encargou á empresa Planificación TEC un estudo sobre mobilidade no municipio EME, que inclúe entre como obxectivos principais a mellora do tráfico e das condicións de accesibilidade.

Deste xeito búscase facilitar camiños e desprazamentos máis accesibles, cómodos e seguros nos percorridos cotiáns e mellorar a conexión e a calidade ambiental dos espazos máis usados polos cidadáns. Céntrase en dúas ideas: facer que o xeito de moverse a diario sexa máis sustentable e eficiente (ecolóxica, social e economicamente) e facilitar o uso dos espazos públicos por parte da veciñanza.

Neste sentido, o estudo vira sobre seis grandes obxectivos ou eixos: a mellora do sistema de desprazamentos, poñer en valor os lugares identitarios para a veciñanza, promover unha mobilidade saudable, mellorar a relación dos espazos públicos co patrimonio natural, reducir a inseguridade e recuperar os espazos públicos para as persoas nos casos con excesiva presenza de vehículos.

Nos próximos meses levarán a cabo traballos de campo, como medicións de fluxo de vehículos e de persoas ou da ocupación dos estacionamentos, para detectar os principais problemas que afectan á circulación peonil e rodada. A partir desta diagnose elaboraranse estratexias encamiñadas a transformar ou espazo público nun contorno máis habitable para as persoas e a implantar un modelo de circulación máis sustentable.

O Eme de Vilalba contará tamén cunha parte para a participación dos cidadáns xa que haberá canles de participación como mesas veciñais ou enquisas para coñecer a súa opinión e as súas propostas.