Comezan as obras da estrada que une Guitiriz con Sobrado dos Monxes

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, responsable directo da área de Xestión Territorial, informou de que comezaron as obras de rehabilitación do firme na LU-P-2302, unha vía que comunica a capitalidade de Guitiriz co Concello de Sobrado dos Monxes, na provincia da Coruña. As actuacións realizaranse nun treito de 6 quilómetros, entra a parroquia de Mariz ata o límite con Coruña, entre os puntos quilométricos 3,5 e 9,5, cun orzamento de 197.880,54 euros.

Os traballos consistirán na limpeza das cunetas, con reafirmado dos bordes, dotando despois a toda a superficie dunha capa de aglomerado en quente, e que finalmente realizarase a sinalización horizontal.

As actuacións mellorarán as comunicacións viarias, que son necesarias para garantir a igualdade de oportunidade entre toda a veciñanza da provincia de Lugo. Con estes contratos de obra pública a Deputación de Lugo favorece a dinamización do sector da construción, e polo tanto, do tecido económico e o mantemento de emprego.

Etiquetas