Skip to main content
ActualidadeMuras

Esta semana rematan as obras da piscina e do ascensor do Concello de Muras

Por 8 Xuño, 2020Sin comentarios

Esta semana remataron en Muras as obras de construción do novo vaso da piscina municipal, obras que tiñan unha data anterior de finalización pero que foron interrompidas pola situación de alerta sanitaria.

Coa finalización da obra, o alcalde, Manuel Requeijo, espera poder abrir para a tempada de verán aínda que están á espera das indicacións das autoridades sanitarias “para ver o que temos que facer en canto a medidas de prevención”. O Concello está á espera de recibir un protocolo de actuación para ver como reaccionar.

“Tratamos de ser prudentes dende o principio así que haberá que ver ben como debemos funcionar antes de abrir as portas”, indicou.

A obra de mellora e ampliación da piscina pública ten un orzamento de 110.000 euros. Esta é a segunda vez que se inician as obras xa que a anterior concesionaria non cumpriu co prazo estipulado non contrato deixando sen executar o 85% da mesma polo que se procedeu a cancelar o contrato.

Os traballos consistiron na remodelación do vaso de adultos incorporando novas bombas de aspiración e depuración e tamén a construción dun vaso infantil. Completa o proxecto de obra o peche do recinto.

ASCENSOR

Tamén están a piques de rematar as obras de instalación do ascensor na casa consistorial, unha obra moi demandada e da que só falta a entrega da obra, lista para funcionar agora que se restituiu o servizo de atención presencial no Concello.

“Somos un dos últimos concellos que conseguen a súa accesibilidade polo que estamos moi satisfeitos”, explicou o alcalde de Muras.

As obras, que se prolongaron durante tres meses, deron comezo en febreiro e tamén serán entregadas durante esta semana.