Os partidos implicados opinan sobre a ruptura do pacto de goberno en Vilalba

O Partido Socialista de Vilalba e Vilalba aberta anunciaron na noite pasada abertamente a súa intención de romper o pacto de goberno que os uniu o ano pasado tralos comicios que deron a vitoria ao PSOE por primeira vez na historia de Vilalba.

O anuncio, escueto por ambas as dúas partes explicaba por parte do PSOE o cese do edil Modesto Renda Santiso, da formación Vilalba Aberta, revogando a súa delegación de goberno de Turismo e Promoción do Comercio Local, “motivado por unha perda de confianza”.

Segundo indican os socialistas ofreceron ao grupo manter o pacto de goberno asumindo as competencias de Modesto Renda outra persoa pero a proposta foi rexeitada, tal e como explican.

Pola súa banda, Vilalba Aberta tamén fixo un comunicado similar no que tamén dá por finalizado o acordo de goberno logo da “decisión unilateral da Alcaldía” de prescindir de Modesto Renda. Esta decisión foi tomada tralo acordo da asamblea e informarán da mesma nunha rolda de prensa este xoves.

Ningún dos dous dirixentes quixo expoñerse máis aló do comunicado alegando a alcaldesa, Elba Veleiro, que “se deron unha serie de situacións en contra dos acordos programáticos que complicaron a continuidade do pacto”. Asegurou que “non é facil desenvolver a túa tarefa cando falta esa confianza”, engadiu.

A alcaldesa indicou tamén que foi decisión de Vilalba Aberta romper o pacto xa que eles contaban con seguir pero con outra persoa “e foron eles os que decidiron non seguir, opinión que respectamos como non podía ser doutro xeito”. Avanzou tamén Veleiro que en próximos días farán unha remodelación das áreas para facerse cargo das tarefas de goberno de Modesto Renda. Ademais, indicou que “o goberno socialista foi o gañador das eleccións e será máis difícil chegar a acordos, pero esperamos logralos polo ben da cidadanía de Vilalba”.

Pola súa banda, o dirixente de Vilalba Aberta non fixo declaracións durante o día esperando para unha rolda de prensa que terá lugar esta tarde na que fará un comunicado sobre a situación.

PARTIDO POPULAR

Pola súa banda, o ex alcalde de Vilalba e voceiro popular en Vilalba, Agustín Baamonde indicou que hai unha necesidade clara “dunha explicación deteallada das verdaderas razóns da ruptura doi pacto”, se asegurou que “baixo o eufeminimo de perda de confianza se esconde o problema xudicial do representante de Vilalba aberta e a presión dos colectivos feministas”. Así mesmo indicou que considera que “o protagonismo que estaba a cobrar Modesto Renda na xestión gubernamental” pesou moito nesta decisión.

Baamonde cualificou a situación “a constación do fracaso dun goberno que chegou sementando ventos de esperanza e trae unha tempestade de falta de xestión”.

O ex alcalde asegurou que a situación xa se arrastraba dende hai tempo e que a pandemia evitou “poñer en evidencia a falta de xestión e de compromiso na resolución dos problemas”.

Por outra banda, o concelleiro popular explicou que “se trata dunha situación complexa na que debería terse en conta tamén a presunción de inocencia ao haber dúas sentencias absolutorias”. Asegura que estas sentencias, que foron anteriores ao pacto de goberno, non foron un problema para a unión das forzas “pero agora si o son”. Esixe polo tanto unha explicación “sobre este cambio de opinión”.

Etiquetas