Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Reforzarán o control forestal a través de drons

Por 21 Xuño, 2020Sin comentarios

A Xunta de Galicia reforzará este ano a xestión da planificación territorial e do control das masas forestais con dous dos proxectos innovadores desenvolvidos no Polo Aeroespacial de Galicia baseados na utilización de sensores transportados en vehículos non tripulados. Deste xeito, estas dúas solucións pasan a ser unha realidade que mellorará a prestación dos servizos públicos.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na xornada técnica para informar dos proxectos de seguimento das dinámicas de ocupación do solo e axuda á planificación territorial mediante o uso de vehículos aéreos non tripulados 
-o que permitirá o control e a ordenación urbanística, a planificación de áreas empresariais e agrarias ou a xestión hidrolóxica- e de solucións para a xestión e control forestal, detección e tratamento de pragas forestais mediante o uso de vehículos aéreos non tripulados –que tamén permitirá formular inventarios de masa arborada, detectar posibles situacións de abandono ou avaliar franxas de seguridade antilume arredor dos núcleos de poboación-, que forman parte da Civil UAVs Initiative, a iniciativa estratéxica da Xunta de Galicia para promover o uso de drons no ámbito civil.

Conde puxo en valor o clima de cooperación xerado entre os dous consorcios que lideran a creación destas solucións -integrados por pemes, universidades e centros de investigación- que fixo posible o desenvolvemento de novas funcionalidades e aplicacións derivadas do seu uso conxunto. En concreto, no proxecto Terra 3 participaron Altia Consultores, Aeromedia UAV, o Centro de Observación y Teledetección Espacial (COTESA), contando coa subcontratación do grupo de investigación Laborate, da USC, e a empresa lucense 3EData. En canto ao proxecto Terra 4, participaron 3EData Ingeniería Ambiental, a Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Tecnológico Forestal y de la Madera (CETEMAS) e o Centro de Observación y Teledetección Espacial (COTESA).

A xornada contou coa participación de representantes dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia que serán os primeiros usuarios destas ferramentas en áreas como a ordenación do territorio e o urbanismo, a planificación de áreas empresariais, a planificación agraria, a cartografía de hábitats, as estatísticas de ocupación do solo, a planificación hidrolóxica, o inventariado de masas arboradas no monte, a avaliación de franxas de seguridade antilumes ou a detección, identificación e tratamento de pragas forestais.

O conselleiro destacou, ademais, que con estas solucións optimizarase o labor que se está a desenvolver desde o Instituto de Estudos do Territorio, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio, o Instituto Galego de Vivenda e Solo, Augas de Galicia, Agader, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a Dirección Xeral de Calidade ambiental e Cambio climático, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural ou a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

Conde finalizou subliñando que solucións como as presentadas hoxe garanten unha transición tecnolóxica necesaria para Galicia, mellorando a eficacia dos servizos públicos e contribuíndo á mellora da competitividade das empresas galegas.

A Civil UAVs Initiative

Os proxectos de seguimento das dinámicas de ocupación do solo e axuda á planificación territorial mediante o uso de vehículos aéreos non tripulados e de solucións para a xestión e control forestal, detección e tratamento de pragas forestais mediante o uso de vehículos aéreos non tripulados forman parte da fase de Solucións da Civil UAVs Initiative, financiada ao 80 % con fondos FEDER, e foron licitados a través de Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora (CPTI).