Enquisa Mobilidade

Investirán preto dun millón de euros na rehabilitación do colexio de Friol

A Consellería de Educación vén de aprobar o proxecto de rehabilitación integral de dous dos edificios do Centro Público Integrado Dr. López Suárez de Friol. A execución das obras está previsto que comece antes no segundo semestre deste ano, e estarán rematadas na totalidade para o inicio do curso escolar 2021/2022. As actuacións exteriores levaranse a cabo durante o curso escolar que dará comezo en Setembro, e as obras interiores realizaranse en períodos vacacionais.

A execución deste importante proxecto consistirá en distintas actuacións en dous dos edificios do C.P.I. Doutor López Suárez de Friol. Os edificios que se verán mellorados serán os que albergan a dirección, diferentes aulas de infantil e primaria, a biblioteca, a aula de música, etc. e o edificio do comedor, no que ademais tamén hai aulas e outras estancias. O primeiro edificio conta cunha superficie total de case 1.600 m2 e o segundo edificio conta con máis de 800 m2 distribuídos en dúas plantas.

Unha das actuacións que se levarán a cabo será a mellora de eficiencia enerxética mediante substitución de ventás, illamento de fachada con sistema de illamento térmico polo exterior, substitución da chapa de cuberta, illamento de cuberta baixo forxado e substitución de luminarias por equipos LED. Tamén se realizarán actuacións de mellora de accesibilidade mediante a execución de dúas rampas, unha en cada un dos accesos á planta baixa do edificio do comedor.

A maiores realizaranse outras actuacións como redistribución da zona de oficinas, e tamén se verán melloradas e modernizadas as distintas aulas, contémplase a creación dunha aula para recibir ós pais dos alumnos e alumnas, así como tamén está prevista actuar no entorno do propio centro, en definitiva, unha serie de obras que axudarán a mellorar a funcionalidade dos edificios.

Todas estas actuacións terán en conta o cumprimento dos requisitos básicos relativos á seguridade como son a seguridade estrutural, seguridade en caso de incendios, seguridade de utilización e accesibilidade, salubridade, protección fronte ó ruído, aforro de enerxía e illamento térmico, etc.

O alcalde José Ángel Santos destacou a importancia deste proxecto para Friol. “Os edificios actuais do centro público tiñan deficiencias que precisan ser arranxadas e sobre todo mellorar as instalacións facendo mais funcionais para docentes e alumnado, en beneficio, sobre todo, dos máis novos do noso municipio, que son os que máis se van favorecer de todas estas melloras”.

Tamén destaca o rexedor que “a Consellería de Educación fai un esforzo económico nunha inversión moi necesaria e demandada tanto pola dirección do propio CPI como polo equipo de goberno do noso Concello, dende o que queremos axudar facilitando os trámites administrativos e eximindo o cobro de taxas que se debe realizar na administración local”.

O alcalde móstrase satisfeito e agradecido pola implicación directa que tivo o presidente da Xunta de Galicia, para que este ambicioso proxecto sexa unha realidade, “dado que esta é unha gran inversión no noso municipio, que beneficiará dun xeito moi importante ó colexio público do pobo e por suposto ós nenos e nenas que asisten a realizar labores educativas e formativas”.

Por outra banda, a directora do CPI, Asunción López, agradece a Xunta de Galicia a reforma integral que se levará a cabo en parte das instalacións do centro, como tamén resalta as xestións realizadas polo alcalde, “para que este proxecto sexa una realidade”.

Etiquetas