Skip to main content
Actualidade

A Xunta investirá 27.000 euros en diferentes melloras no Ceip Ramón Falcón de Castro

Por 29 Xuño, 2020Sin comentarios

O Ceip Ramón Falcón de Castro de Rei recibirá un investimento de 270.000 euros para a realización dunha serie de melloras no centro, obras que realizará a propia Consellería de Educación.

Do total que se destinará á obra, 250.000 euros destinaranse a un proxecto de reforma sectorial que inclúe a renovación da iluminación por un sistema LED, que ten como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética e reducir o consumo eléctrico, tal e como explicou o alcalde da localidade, Francisco Balado. Ademais, entre as melloras figura tamén unha intervención no baixo cuberta para garantir o illamento do edificio, a substitución das dobres ventás e a mellora da accesibilidade, ademais doutros arranxos.

Neste centro, no que estudan preto de 80 alumnos realizáronse recientemente outras reformas como a renovación da biblioteca, os baños, o sistema eléctrico e a substitución das portas, cun investimento total que roldou os 80.000 euros.

O centro, no que traballan 14 profesores, celebrou este ano o seu 45 aniversario. Deseñouse unha programación de actos que tivo que suspenderse pola crise sanitaria no mes de marzo.

Desde o goberno local destacan que o centro mantivo a matrícula nos últimos cursos e que este tipo de servizos é fundamental para fixar poboación e insisten na necesidade de ofrecer un centro en condicións para poder equipararse ao Veleiro do Campo.

Precisamante a Concelleira de Educación, Carmen Pomar, e a candidata popular Sandra Vázquez participaron hoxe nun paseo por Castro de Rei para visitar o centro eduativo.

“O Goberno galego avanza na mellora das instalacións educativas da nosa provincia”, asegurou a candidata do PPdeG ás eleccións autonómicas pola provincia de Lugo, Sandra Vázquez e puxo como exemplo do “esforzo inversor do Goberno de Feijóo en materia de educación e en apoio ás familias do rural a achega de 250.000 euros para sufragar as obras de reforma sectorial deste colexio atendendo ás propostas da comunidade educativa”.

“Este tipo de accións responden ao noso compromiso por desenvolver políticas dende a administración autonómica que contribúan a fixar poboación no rural da nosa provincia”, defendeu.

Vázquez especificou as melloras a acometer no centro que “permitirán aos alumnos e alumnas deste centro educativo do municipio de Castro de Rei contar cunhas instalacións cunha mellor accesibilidade -grazas á construción de ramplas de acceso- e cun novo sistema de pechamento que contribuirá á mellora do illamento térmico trala reposición das súas ventás”.

En relación tamén ao illamento, a candidata do PPdeG destaca que “se colocará material illante sobre o forxado do baixocuberta e, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética que permita, ao mesmo tempo, reducir a factura da luz do colexio Ramón Falcón, dentro das actuacións de reforma sectorial tamén se inclúe o cambio de luminarias por lámpadas de tecnoloxía LED”. Igualmente, está previsto acometer a substitución de aseos na segunda planta e da caldeira de gasóleo​.