Skip to main content
Actualidade

As Pontes licita a limpeza de 30 quilómetros de vías municipais

Por 2 Xullo, 2020Sin comentarios

A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes aprobou, esta semana, a licitación do servizo de limpeza de terreos de propiedad municipal e de limpeza de marxes e gabias en varias estradas e camiños rurais.

Estas actuacións, que serán financiadas coa achega provinte do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) e cun orzamento de licitación de 72.443,06 euros, inclúen a limpeza da contorna da “Senda da Memoria” no Lago das Pontes así como a limpeza das gabias e marxes en máis de 30 quilómetros de estradas e camiños rurais de titularidade do Concello das Pontes.

Os traballos de limpeza das parcelas municipais na Senda da Memoria inclúen o desbroce da superficie das parcelas e do lineal das marxes do lago para mellorar a zona de lecer e a área recreativa. A través destas actuacións potenciarase o coñecemento dun espazo de especial interés paisaxístico, facilitando a contemplación panorámica de todo o espazo.

Por outra banda, este proxecto permitirá actuar en máis de 30 quilómetros de vías municipais co obxectivo de previr os desbordamentos, a erosión da capa de rodadura e a aparición de fochancas, mellorando a seguridade viaria e a accesibilidade en todo o municipio. Os traballos de limpeza tamén están dirixidos a protexer a cuberta vexetal autóctona para evitar a proliferación de especies vexetais invasoras e a conseguinte degradación ambiental.

Entre as actuacions previstas inclúese a limpeza de tubos atrancados, a sucidade das marxes e a roza da vexetación existente para devolver as cunetas e gabias ao seu estado orixinal. Serán varios equipos os que traballen na limpeza de marxes e gabias mediante o emprego de medios mecánicos .

Estas tarefas acometeranse en zonas moi transitadas, nas que os riscos de deterioración son altos e levaranse a cabo en diferentes parroquias, actuacións que se sumarán aos traballos de limpeza, mantemento e preservación da seguridade viaria que, desde fai anos, o Concello das Pontes levan a cabo nos viarios municipais.