Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba crea unha plataforma dixital para comprar no comercio local

Por 2 Xullo, 2020Sin comentarios

O Concello de Vilalba puxo en marcha D’compras por Vilalba, unha campaña dixital de promoción do comercio local para incentivar as compras da veciñanza nos negocios de proximidade que repartirá 9.000 euros en premios.

Nunha aplicación para móbiles de uso moi sinxelo, os veciños e veciñas poderán comprar nalgún dos 37 establecementos adheridos á plataforma e acumular puntos para canxear por agasallos. Haberá tamén sorteos entre os usuarios rexistrados nas próximas semanas.

D’compras por Vilalba é unha aplicación de axuda para a dixitalización do comercio. Provocará un gasto estimado de 90.000 euros nos negocios locais e a iniciativa forma parte do programa de formación e asesoramento Compite Vilalba.

‘Compite Vilalba’ é un plan deseñado polo concello para apoiar aos sectores máis afectados pola pandemia mediante unha diagnose previa e individualizada da situación de cada establecemento, para despois pasar a unha fase de formación e á realización final da actual campaña de promocións conxunta.

O programa comezou cunha primeira fase, de diagnose, que tiña como obxectivo poder coñecer a situación na que se atopaban os establecementos participantes no programa, para pasar despois a unha etapa de formación conxunta, con nove píldoras formativas realizadas en líña para mellorar as capacidades e facer fronte á situación actual.

Despois, o programa chegou a unha etapa de asesoramento individualizado, realizando un acompañamento e seguimento a cada un dos comercios participantes para definir o seu plan de mellora comercial, as accións que debían implantar para aumentar a súa competitividade.

Por último, chega a quenda de ‘D’compras por Vilalba’, unha plataforma online para que o comercio local venda os seus productos, con promocións nas redes sociais, descontos e outras iniciativas.

“Dende o principio da pandemia, consideramos prioritario impulsar un plan destas características, co obxectivo xeral de apoiar a estes sectores con accións encamiñadas a encarar a situación actual e preparalos para poder afrontar o período post-Covid 19”, asegura a alcaldesa, Elba Veleiro.

Ligazón de descarga da aplicación: http://onelink.to/ckd85e