Skip to main content
ActualidadeMuras

Muras acolle en xullo unhas xornadas de montaña e aventura no Xistral

Por 3 Xullo, 2020Sin comentarios

O Concello de Muras e concretamente a Serra do Xistral acollerá a fin de semana do 18 e 19 de xullo a  primeira edición das Xornadas de  Montaña e Aventura Serra do Xistral, unha activiade que consistirá en charas e actividades deportivas propias desta zona e para a que hai dispoñibles 70 prazas con actividades para todas as idades.

O programa se abrirá o sábado, ás 10.00 horas co relato de varias experiencias por parte de diferentes actores que veñen facendo actividades neste espazo e outros experimentados, que son referencia no mundo do deporte e aventura na natureza.

Así, sobre Trail Running intervirán Pablo López, director técnico do Trail das Bestas; Xavier Valoría, director técnico do Gran Trail Toxiza e Pedro Esmorís, director técnico da Camovi. Ademais, Inma Pumariño falará sobre barranquismo no Xistral.

Xa pola tarde será a vez das charlas dos deportistas de aventura. Comezará Miguel Heras sobre Trail Running. Campión de España de Ultra Trail, vencedor das mellores ultratrails do mundo e subcampión UTMB. A continuación Roberto Heras representará ao ciclismo de montaña. Foi vencedor en catro edicións da Titan Desert e da Volta a España.

Finalizará Pablo López falando do Raid de Aventura. Este deportista é director do Raid Gallaecia das Series Mundiais e membro do equipo Gallaecia Fridama, ademais de participante nas Series Mundiais.

O domingo haberá actividades deportivas durante toda a mañá. A saída do Trail con Miguel Heras será ás 10:00 no Viveiró (diante Casa Cándida). Á mesma hora será a saída BTT con Roberto Heras na que será preciso levar bicicleta e casco.

Por outra banda, haberá iniciación ao Kayak no río Eume para nenos. A partires das 10:30 na Veiga. É imprescindible levar toalla e roupa para cambiarse. O barranquismo será en Silán. As 10.00 horas quedada con Amextreme no Viveiró (diante de Casa Cándida). Haberá que levar roupa de cambio e o material de barranco será a cargo de Amextreme.

As actividades completaranse con orientación deportiva para nenos. A partir das 10:30 na Veiga.

O aforo das actividades, que serán de balde, estará limitado sendo 70 prazas para as charlas, 50 para as saídas, 10 do barranquismo e 20 as outras actividades. Aínda así todo o evento será retransmitido en streaming a través de Instagram Live e será presentado por Pipe Speaker.

Os interesados en inscribirse poden facelo a través da web municipal.