Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAFriol TERRACHÁXA

Candia comprométese coas comunidades de montes

Por 4 Xullo, 2020Sin comentarios

A cabeza de lista da candidatura popular pola provincia de Lugo ás eleccións autonómicas do vindeiro domingo 12 de xullo, Elena Candia, comprometeuse a “ter presentes a estas comunidades e traballar da súa man como parte activa do programa de acción en materia de medio rural do Goberno de Feijóo, se logra revalidar o apoio maioritario dos galegos nas urnas o vindeiro 12 de xullo”.

A candidata recoñeceu o gran labor das comunidades de montes veciñais en man común que “constitúen unha parte moi importante do territorio da provincia de Lugo” durante a súa visita aos terreos da comunidade de Carballo, en Friol, “un referente na posta en marcha de iniciativas innovadoras relacionadas co aproveitamento dos terreos forestais”.

Tras escoitar as propostas trasladadas polos representantes da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Carballo, Candia amosou tamén o seu apoio ao desenvolvemento de distintas iniciativas innovadoras relacionadas co aproveitamento de recursos do noso medio natural coma a posta en marcha polos veciños de Carballo que realizan aproveitamentos silvopastorais con exemplares de porco celta da súa explotación que forma parte de asociación de criadores de porco celta, Asoporcel, e animais doutras razas autóctonas.

A candidata popular puxo tamén en valor durante a visita “a introdución da innovación para o desenvolvemento dunha actividade gandeira de aproveitamento silvopastoral que contribúe a manter limpos os montes de forma natural e, polo tanto, realiza un importante labor en relación á prevención de lumes forestais”.

PLAN ESTRATÉXICO PAC 2021-2027
A popular avanzou que, se Feijóo logra o apoio maioritario nas urnas, o Goberno galego continuará a desenvolver o Plan Estratéxico de Galicia para a PAC 2021-2027 co apoio das universidades galegas e das organizacións representativas dos axentes do sector primario. Este plan pretende seguir apoiando as medidas desenvolvidas nos períodos anteriores e promover outras novas que dean resposta ás necesidades específicas do agro galego. Así, apostará por un novo modelo de pagos directos e incluirá estratexias sectoriais que, no caso do sector cárnico, inclúe o incremento dos censos de razas autóctonas e a súa valorización como produción diferenciada ou a configuración dun manual de boas prácticas na alimentación do porco celta, entre outras. Así mesmo, seguirá apoiando a modernización das explotacións mediante distintas liñas de axudas da PAC.

Por outra banda, o Goberno de Feijóo pretende poñer en marcha un plan de pastoreo dos montes cos obxectivos de diminuír os custos de alimentación, aumentar a multifuncionalidade das terras forestais e contribuír á limpeza do monte e á prevención dos lumes.

APOIO DO GOBERNO GALEGO Á RECUPERACIÓN DO PORCO CELTA
Candia sinalou que “o Goberno galego mantén convenios de colaboración con diferentes entidades e asociacións de criadores de razas autóctonas de Galicia para apoiar actividades de recuperación, conservación e fomento destas razas entre as que se atopa Asoporcel, a asociación de criadores de porco celta”.

O último convenio asinado, que abrangue o período 2020-2022, supón unha achega por parte da Consellería do Medio Rural de 480.000 euros a Asoporcel, o que representa un incremento de 140.000 euros en relación co convenio anterior (2016-2019), é dicir, un aumento que supera o 40%.