Skip to main content
Actualidade

Sanidade pechará cinco días os accesos á Mariña polo incremento de casos

Por 5 Xullo, 2020Sin comentarios

A Consellería de Sanidade vén de informar aos alcaldes da Mariña lucense que tralo rebrote detectado estes días decidiron pechar durante cinco días os accesos á costa lucense.

Esta medida sanitaria entrará en vigor hoxe a medianoite e implicará que non se poderá entrar ou saír da comarca salvo por causas estrictamente xustificadas.

Tamén comunicaron que se limitarán os aforos dos establecementos hostaleiros ao 50% e os horarios de peche quedarán limitados ás 00.00 ao igual que os pubs e discotecas que de momento seguirán pechados.

Esta decisión tomouse debido ao constante incremento de afectados que se están dando na Mariña, onde o lugar con afectados pasou a ser Burela. O crecemento de casos experimentouse dende o 23 de xuño, cando se detectou o primeiro caso en Xove. Co seguemento dos contactos dos afectados foron aparecendo o resto ata os máis de cen que hai actualmente.

O crecemento de casos segue sen freno. Onte a cantidade de afectados estaba en 85 e hoxe xa son 30 máis o que deixa o total de afectados na proivncia en 117. A maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Catro persoas con resultado positivo están ingresadas no Hospital Público da Mariña e outra no hospital de Lugo, pero esta non procede dese brote.

Ademais, segue estable o número de falecidos, en 28, e hai 931 altas e un total de 1.076 casos no acumulado histórico. A zona sur da provincia segue sen afectados.

Por agora, non se suspende a selectividade e Viveiro acollerá as probas da Abau, como estaba previsto.

Quedan prohibidas as reunións de máis de 10 persoas. Pódese ir á praia, pero aumentando a distancia de seguridade ata catro metros. Ademais, hai que usar máscara sempre, salvo para bañarse. As máscaras son obrigatorias tamén en toda a vía pública en todo momento.

Os bares seguen abertos, pero non se pode consumir nas barras.

O Partido Popular, o único que quedaba, suspendeu os mítines previstos hoxe e súmase así ao resto de partidos que xa suspenderon a campaña. Ademais, Marea Galegista pediu o aprazamento das eleccións, polo menos na comarca.

GALICIA

Mentres tanto, o número de persoas enfermas de covid-19 en Galicia reduciuse a 258, o que supón 21 menos que este sábado, pero aumentou o número de hospitalizados de 4 a 6 actualmente, segundo a información diaria facilitada pola Consellería de Sanidade e debido ao aumento tamén de casos na Mariña.

A área de Vigo pasa a contar con menos dun centenar de casos activos ao contabilizar un total de 77, seguido de 40 na Coruña, 13 en Santiago de Compostela, 5 en Ourense, 4 en Ferrol e 2 en Pontevedra.

Do total de pacientes positivos, 6 están en unidades de hospitalización e 252 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.776 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos, delas 274 en residencias de persoas maiores.