Skip to main content
ActualidadeVilalba

Marea Galeguista critica o abandono do proxecto da estación de autobuses de Vilalba

Por 6 Xullo, 2020Sin comentarios

O cabeza de lista da Marea Galeguista pola provincia de Lugo, Iván Rodríguez Lombardero, Teresa Burgo, a nº 4 da lista e varios integrantes da candidatura, desprazábanse onte ata Vilalba para constatar de primeira man os problemas da zona en relación á mobilidade colectiva e aos servizos públicos.

Para Teresa Burgo, a estación de autobuses de Vilalba é “unha mostra do máis absoluto desleixo por parte da Xunta de Galicia, no que se refire a infraestruturas e a mobilidade”, pois segundo indica, “a pesares do lamentable estado de abandono no que se atopa, é a única estación de autobuses de toda a provincia de Lugo que non será mellorada na previsión do novo Plan de Transporte Público de Galicia”.

Destaca Burgo que “a Xunta cedeu ese espazo á empresa de transportes Arriva, mais nunca lle reclamou nin lle pediu contas pola falta de mantemento”. Dende a Marea Galeguista aseguran que esta “é a política habitual do Partido Popular, que ademais, o primeiro que fixo con este Plan de Transporte Público de Galicia foi acometer a supresión indiscriminada de liñas de transporte colectivo, especialmente no ámbito rural, sendo este desmantelamento un duro golpe, un golpe máis, para o noso rural, xa absolutamente precario en servizos públicos”.

A Marea Galeguista aposta polos servizos públicos e de calidade, por iso Teresa Burgo amósase convencida de que “nun contexto de cambio climático é esencial fomentar, potenciar e facilitar o transporte colectivo de cara ao futuro, pois con isto favoreceremos tamén a vertebración e a cohesión territorial, dado que deixar comarcas enteiras sen conectarse entre si favorece o despoboamento e non fai máis que matar o noso rural”.

Para Teresa Burgo, a crise sanitaria que estamos vivindo a causa do covid-19 está poñendo en evidencia un modelo de xestión insustentable tamén no eido social, polo que asegura que este 12 de xullo haberá que decidir “entre outras cousas, se queremos continuar nunha senda de continuos recortes, se queremos continuar coa falta de servizos sociais públicos ou se queremos servizos públicos dignos en todo o territorio”. Para Teresa Burgo é esencial abrir “unha fenda de ilusión e de esperanza con políticas que poñan no centro ás persoas, que poñan no centro a vida e revertan estes modelos depredadores e inhumanos”.

Pola súa banda, Iván R. Lombardero sinalou como un dos piares fundamentais da Marea Galeguista a soberanía alimentar, pois “o 80% da terra agraria no noso país está adicada á produción de alimentos para o gando, mais necesitamos producir alimento para as persoas, dado que o país está importando cada ano mil millóns de euros de alimento para as persoas”. “Debemos aproveitar ese potencial para favorecer a produción dos nosos propios alimentos, o que xerará unha gran cantidade de recursos e postos de traballo para a sociedade rural”, asegura Lombardero.