Skip to main content
ActualidadeVilalba

Queixas dos empresarios de Vilalba polo sistema de axudas do Goberno local

Por 6 Xullo, 2020Sin comentarios

Os sectores de Comercio e Hostalería da asociacion Sete Pontes de Vilalba, representados por Antía Naveiras e Manuel Silvosa, respectivamente, mantiveron unha reunión con Vilalba Aberta para expoñer o “descontento xeral co Concello de Vilalba, ante a falta de comunicación cos citados sectores”.

Segundo explican os empresarios, a reunión que se mantivo enfocouse á necesidade de recibir axudas directas ante a crise provocada polo COVID-19, e que o Concello pretende sustituir por un sistema de bonos que xa foi publicitado e non consultado con ningún dos sectores, polo que a maioría considera que non é un sistema equitativo nin eficaz.

Nesta reunión tamén expuxeron a segmentación producida polo programa Compite Vilalba, “que nun principio foi creado para dar asesoramento, dinamizar o comercio e crear unha plataforma de venda online, pero que ao final semella máis unha asociación encuberta”.

“Tal é así, que o Concello repartiu EPIs – en concreto, un dosificador de pedal con xel hidroalcohólico – pero so ós inscritos neste programa, ó igual que está a acontecer coa promoción D´compras por Vilalba, mediante a cal, e tal e como expuxo a alcaldesa, Elba Veleiro, o Concello reparte 9.000 euros en premios para impulsar o comercio local, cando a realidade é que ese importe o poñen os comerciantes participantes e non dinamiza á totalidade da actividade comercial, senón ós inscritos no Compite Vilalba”, insisten dende a organización empresarial.

O sector hostaleiro solicita máis rapidez e efectividade, “dado que, aínda que se estea levando a cabo a ampliación de terrazas, vai con moito retraso tendo en conta a data de reapertura trala pandemia”.

Estos dous sectores teñen pendente unha reunión co Concello de Vilalba que se solicitou o 11 de xuño, e da cal so tivo resposta o sector hostaleiro, xa que, como aclaran, na actualidade non teñen a ninguen asignado para ocupar a área de Turismo e Comercio, algo necesario para a comunicación e cooperación con estes sectores.

Na próxima semana tamén acudirán á sede da Asociación de Empresarios Sete Pontes representantes da agrupación do Partido Popular de Vilalba para escoitar de primeira man a problemática exposta anteriormente.