Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

A Deputación aproba axudas para o comercio agrogandeiro

Por 19 Xullo, 2020Sin comentarios

A voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, informou de que a Xunta de Goberno aprobou a concesión de axudas por importe de 142.000 euros para apoiar ao sector do comercio de proximidade e o agrogandeiro. Deste xeito, a institución provincial destinará preto de 37.000 euros á Asociación Centro Comercial Urbano de Monforte de Lemos “para colaborar co proxecto de dixitalización dos comercios asociados, que agrupa a preto de 150 establecementos de Monforte”, subliñou García Porto.

A través desta achega económica, a Deputación pretende impulsar o comercio de proximidade na zona sur da provincia “nuns momentos difíciles, nos que necesita recuperar a confianza da cidadanía e buscar novas fórmulas de promoción e venda que resulten atractivas”, destacou a voceira socialista.

Nesta liña, García Porto destacou a importancia de adoptar medidas extraordinarias “nos tempos nos que nos atopamos, en plena crise económica derivada da pandemia do coronavirus Covid-19. Cun obxectivo ben claro: favorecer a visibilidade do sector incrementando as súas vendas.”

A Xunta de Goberno deste venres tamén aprobou a concesión dunha achega económica de 105.000 euros, dividida en catro anualidades, á Asociación Profesional de Gandeiros de Lugo. Con esta axuda, a Deputación colabora na prestación dun servizo de asesoramento sobre o pastoreo tradicional.

Neste senso, preténdese mellorar os pastos altos da Serra dos Ancares e facelos extensibles ao resto da provincia; recuperando as técnicas tradicionais de pastoreo e promovendo o seu uso polos gandeiros da zona. O obxectivo é fomentar o desenvolvemento e a competitividade do sector ata o ano 2023.

A Asociación Profesional de Gandeiros de Lugo é a única entidade en toda a provincia que realiza este tipo de actividade e as actuacións que se recollen neste proxecto son: identificar os principais sistemas agrícolas que utilizan os pastos permanentes; identificar tamén prácticas para mellorar a produtividade e eficiencia dos sistemas de produción de carne, e recoñecer novas prácticas de manexo de pasto que melloren a saúde animal, benestar e produtividade, entre outras accións.

“Esta importante aportación económica forma parte do compromiso da Deputación por impulsar o sector primario, un dos de maior peso económico na nosa provincia, e facelo en colaboración co propio tecido produtivo, axudándolle a ser máis competitivo e sostible”, explicou a voceira socialista do Goberno.

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou hoxe un convenio de colaboración co Concello de Mondoñedo a través do cal a institución provincial, con base na cesión que foi feita do edificio no seu día á entidade local, lle concede unha axuda de 150.000 euros para o seu acondicionamento e mellora dos accesos. A aportación distribúese en dúas anualidades, 135.000 euros neste ano e os 15.000 euros restantes no 2021.
Granxa Experimental de Leite
Por outra banda, o Executivo da Deputación deu luz verde ao Plan de Seguridade e Saúde das obras de pavimentación da contorna da Granxa Experimental de Leite, na finca Gayoso Castro. Para estes traballos a Deputación destina preto de 180.000 euros, que supoñen unha mellora do proxecto inicial de construción desta nova infraestrutura. Con estas actuacións, que comezarán nos vindeiros días, quedará practicamente finalizado o conxunto da obra da Granxa Experimental de Leite.

Pilar García Porto lembrou que esta iniciativa “é froito dun convenio de colaboración da Deputación coa USC, pois nestas instalacións fará as prácticas o alumnado da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior, ademais de labores de investigación. O que se vai facer é dotar a superficie, duns 5.000 m2, dun pavimento formigonado. Con este material non é necesario facer reparación periódicas, pois ten unha vida útil de 10 anos”.

Mantemento dos vehículos do Parque Móbil e da Granxa Gayoso Castro
Ademais, o Executivo aprobou a licitación do contrato de subministración de materiais e repostos para o mantemento e reparación dos vehículos do Parque Móbil e da Granxa Gayoso Castro. O orzamento base de licitación ascende a 95.500 euros e conta cunha duración de dous anos. O contrato divídese en 4 lotes: pezas, repostos e aceites para o conxunto de vehículos e máquinas da Deputación; pneumáticos; ferramentas; e material de limpeza de automóbiles.

“Esta é a primeira vez que se realiza un contrato conxunto de pezas para o parque móbil ou calquera vehículo. Con esta contratación establecemos unha compra centralizada, conseguindo prezos máis competitivos e axilizando tamén os trámites e os procedementos administrativos”, subliñou Pilar García Porto.