Enquisa Mobilidade

Manifestación mañá na Ponte de Uriz pola limitación de tonelaxe

Este mércores 22 de xullo, ás 12:00 horas, está convocada unha manifestación de veciños do Concello de Outeiro de Rei, na ponte de San Esteban ou ponte Uriz- Gaioso, xa que está no límite dos concellos de Begonte (Uriz) e Gaioso (Outeiro) e que cruza o río Ladra.

No devandito lugar e á esa hora levarase a cabo esta manifestación veciñal, xa que esta zona está a ser afectada por un límite de tonelaxe establecida recentemente pola Deputación de Lugo e que está a afectar o desenvolvemento comercial da zona.

A Deputación de Lugo fixo hai unhas semanas a instalación de sinalización horizontal de limitación de tonelaxe para garantir a seguridade viaria. Estas actuacións cumpren co avanzado polo presidente, José Tomé Roca, responsable directo de Xestión Territorial, quen adoptou a decisión de proceder ao pintado de sinais horizontais indicativas de limitación de tonelaxe despois de que as sinais verticais foran arrincadas de maneira reiterada.

A ponte de Uriz data de entre finais do século XVIII e comezos do XIX e atópase recollida no Inventario de Pontes Históricas de Galicia. En abril de 2016 produciuse un afundimento da calzada provocado por danos estruturais existentes no segundo arco e no muro de carga. A súa gravidade motivou que a Deputación procedese á súa reparación mediante unha actuación de emerxencia, que rematou en xuño de 2016 e que tivo un custe de preto de 91.500 euros.

Así mesmo, en agosto do pasado ano, apareceu inmediatamente antes da ponte un socavón, debido a danos existentes nunha obra de drenaxe que se atopa antes do viaducto, do lado de Begonte. A Deputación reparouno encargando os traballos á adxudicataria da conservación na zona.

Segundo informan os técnicos da Deputación, a análise dos danos descritos fixo pensar que existe unha relación directa co elevado tráfico de vehículos pesados, xa que estas estruturas non foron concibidas para soportar cargas tan altas, nin polo seu deseño, nin polos materiais de construción. Por esta razón, procedeuse á instalación de sinais para limitar a tonelaxe, que, sen embargo, foron arrancadas en dúas ocasións, descoñecéndose a identidade dos infractores. Por iso, agora, para reforzar a seguridade, ademais de colocar de novo sinalización vertical, tamén se pintan marcas viarias de limitación de tonelaxe.

Etiquetas