Skip to main content
ActualidadeColaboracións TERRACHÁXA

Unha obra permite o achado fortuíto dunha casa romana en Coea

Por 22 Xullo, 2020Xullo 28th, 2020Sin comentarios

As obras de construción dunha torreta eléctrica sacaron á luz os restos dunha vila romana na parroquia de Coea en Castro de Rei. Está a realizarse unha intervención arqueolóxica para documentala, e de momento recuperáronse materiais que confirman o achado. Por exemplo tellas con marca de fábrica case intactas, ou a base dunha cheminea construída con pedra e columnas de ladrillo confirman que podería traatrse dunha casa grande romana.

Detectáronse tamén muros de varias estancias que dan idea da magnitude da residencia, que debeu ser de gran importancia. Está situada nunha planicie fluvial nas inmediacións da desembocadura do río Azúmara, no leito do Miño, aproximadamente a 500 metros das vivendas da localidade de Coea, nunha posición elevada que permitiría a observación privilexiada da contorna. Estimouse que a vila podería ser do século II ou III despois de Cristo.

Os muros áchanse a medio metro de profundidade no chan, e foron detectados por georadar aínda que segundo apuntan en declaracións á prensa local, ao estar situada nunha pequena pendente a profundidade pode variar segundo que zonas.

Na casa apareceron restos de fundición de ferro, que provirían dunha mina de ferro próxima onde se extraería e fundiría para limpalo. O lugar chámase Os Escouredos, que fai referencia ás escorias.

A aparición da vila fará rexurdir de novo a teoría de que puidese ser a casa natal do emperador romano Teodosio O Grande. Sábese que naceu no 347 en Cauca, pero algúns avalaron a teoría de que Cauca non sexa Coca (Segovia), senón Coea. A aparición desta vila romana reavivará o debate local, que coas escavacións e o tempo quizá poida chegar a aclararse.