Skip to main content
ActualidadeVilalba

Concello de Vilalba e Subdelegación reforzan a súa colaboración contra a violencia de xénero

Por 24 Xullo, 2020Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, presidiron onte a Xunta Local de Seguridade na que se ratificou a colaboración que manteñen as dúas administracións na loita contra a violencia de xénero. Na xuntanza, celebrada esta mañá na Casa do Concello, aprobouse un novo protocolo de coordinación e colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local de Vilalba para a protección das vítimas de violencia de xénero.

A subdelegada e a alcaldesa tiveron un recordo para a veciña de Vilalba Mari Carmen Vázquez Cereijo, que foi asasinada hai un ano pola sua exparella, e consideraron que as administracións están obrigadas a traballar man con man, con todos os medios posibles, contra a violencia machista.

Isabel Rodríguez felicitou á alcaldesa pola súa sensibilidade e compromiso na loita contra a violencia de xénero no seu municipio e explicou que o novo protocolo aprobado hoxe na Xunta Local de Seguridade incorpora actualizadas as normativas e regula como será a implicación da Policía Local na protección das mulleres de Vilalba que son vítimas de violencia de xénero.

O documento establece os mecanismos de coordinación entre a Garda Civil e a Policía Local de Vilalba na execución e seguimento das medidas xudiciais acordadas para a protección de vítimas de violencia de xénero residentes neste termo municipal e supón o paso previo para a posterior integración do Concello de Vilalba no sistema Viogen.

A subdelegada informou de que a data de onte, mércores 22 de xullo, había 19 casos activos no Sistema Viogén de Seguemento Integral de mulleres residentes no concello de Vilalba, 1 de risco alto, 4 de risco medio, 3 de risco baixo e 11 de nivel de risco non apreciado.

MENOS DELINCUENCIA

A Xunta Local de Seguridade analizou tamén a situación da seguridade cidadá no concello de Vilalba.

No primeiro semestre deste ano produciuse unha tendencia á baixa da criminalidade, xa que se rexistraron 25 denuncias menos por infraccións penais. Concretamente, a Garda Civil tivo coñecemento de 108 infraccións penais, o que supón un descenso do 18,8% respecto aos seis primeiros meses de 2019, nos que se produciron 133. Cabe destacar o descenso nos delitos o patrimonio, que baixaron de 35 a 28 (-20%) e tamén baixaron, de 8 a 4, os delitos contra as persoas (-50%) .

En canto ao balance do ano 2019, a cifra de delitos foi idéntica á do ano anterior xa que se rexistraron 271 infraccións penais, das que 139 foron delitos graves e 134 leves. A taxa de criminalidade en Vilalba foi de 19,26 por mil habitantes, inferior ás medias da provincia (22,8‰), de Galicia (29,7‰) e de España (46,8‰).

PLANS OPERATIVOS DE SEGURIDADE

Outro asunto abordado na xuntanza foi a marcha dos plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade, condicionados este ano pola pandemia do COVID-19. Por este motivo, a Garda Civil non puido realizar todas as actividades que tiña programadas.

Aínda así, durante o curso 2019-2020, dentro do Plan Director para a Convivencia e mellora da Seguridade Escolar, impartíronse once charlas nos centros educativos de Vilalba, nas que se trataron temas como os riscos na Internet, drogas, alcohol e outras adicións, acoso escolar e violencia de xénero. E dentro do Plan Maior organizáronse seis charlas en 2019 e unha en febreiro de 2020.