Skip to main content
Actualidade

A Deputación abre a listaxe de contratación para os Centros de Maiores

Por 26 Xullo, 2020Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobouas bases que rexerán o procedemento selectivo para ampliar a lista de traballadores sociais de emprego temporal que prestan servizo na institución provincial. A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou de que nos próximos días sairá publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a convocatoria coas bases para que todas as persoas interesadas se poidan anotar. “Esta é unha convocatoria pública aberta para traballar, principalmente, nos centros de atención a maiores da Deputación, tanto nos que xa están abertos como nos que se abrirán nas próximas datas, e dá conta do compromiso da Deputación coa provincia e con prestar un servizo de benestar de calidade”.

A sesión tamén aprobou a licitación do contrato da subministración mediante arrendamento dos sistemas de impresión de todas as dependencias da Deputación. O orzamento de licitación é de preto de 403.000 euros e o contrato é por dous anos, prorrogable por un máis. “Para este contrato incluímos nos criterios de valoración o consumo enerxético das máquinas, valorando aquelas que teñen un menor consumo e que sexan máis respectuosas co medio ambiente”, subliñou a Deputada.

Así mesmo, quedou tamén aprobada a licitación do contrato do servizo de mantemento de instalacións térmicas e o control de prevención de lexionelose. O orzamento é de 167.000 euros para un contrato por dous anos, que se pode prorrogar por outros dous. “Este contrato mellorámolo este ano ao incluír o mantemento de lugares de almacenamento e depósitos, a instalación de receptores de gas e, entre outros aspectos, a realización de controis de potabilidade”.

Tamén saíron adiante un conxunto de actuacións que se van realizar con remanentes do Plan Único do 2019. Por un lado, o Concello de Lugo vai investir remanentes para un conxunto de obras que ascenden a máis de 106.000 euros en total. “Vai executar a mellora da estrada LU-234 que conecta Lugo con Outeiro de Rei e que é moi transitada e moi importante para a veciñanza. E tamén, vai realizar dous abastecementos de auga: un deles será no núcleo de Penarrubia, en Orzabai, e o outro, en Cardoso”, explicou García Porto. Pola súa banda, o Concello de Trabada investirá remanentes por valor de máis de 10.600 euros na mellora do acceso á escola de Villapercide.

Na Xunta de Goberno aprobáronse cinco contas xustificativas do programa de Recuperación e incorporación de terras para posta en produción de recursos agrogandeiros. En total suman preto de 5.500 euros para a posta en produción de máis de 10 hectáreas nos concellos de Baralla, A Fonsagrada e A Pastoriza.