Skip to main content
Actualidade

O Pleno aproba por unanimidade a distribución de fondos do Plan Único 2020

Por 28 Xullo, 2020Sin comentarios

O pleno ordinario do mes de xullo da Deputación de Lugo aprobou por unanimidade a relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar ao abeiro do Plan Único 2020, e que suporán unha inxección de máis de 24 millóns de euros. Os municipios priorizan os investimentos -aos que dedicarán preto do 64% do total dos fondos-, seguido de iniciativas para a creación de emprego e de medidas sociais e económicas para combater a covid-19, unha nova liña que o Goberno da Deputación decidiu incluír este ano para axudar ás entidades locais a facer fronte aos efectos da crise sanitaria.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou que o Plan Único amosa a capacidade de xestión da Deputación de Lugo para poñerse ao servizo dos concellos. “Este programa serve para dotar con fondos económicos aos concellos e darlles capacidade de actuación, xa que a maioría son concellos pequenos e por si sós non poden afrontar moitos investimentos”, explicou. Así mesmo, subliñou que o Plan Único “é unha medida axustada e atinada”, e apuntou que é “un modelo a seguir para outras administracións que aínda non contan con ferramentas deste estilo”.

Aínda que todos os grupos da Corporación provincial deron luz verde á distribución dos fondos do Plan Único, á hora de aprobar o trámite administrativo imprescindible para poder levalo a cabo, como é a adaptación das partidas do Orzamento 2020 ás solicitudes dos concellos, o PP decidiu absterse, unha postura “contraditoria”, segundo puxo de manifesto a Deputada de Economía e Facenda, Mayra García. “Os concellos poderán executar os investimentos previstos, pero non será grazas ao apoio do Partido Popular”, subliñou.

As prioridades dos concellos
Para o Plan Único a Deputación achega dos seus orzamentos 21,3 millóns de euros que, sumando as achegas dos concellos, consegue inxectar na sociedade e na economía da provincia máis de 24 millóns de euros de fondos públicos. Os concellos presentaron as súas propostas para destinar esta achega da institución provincial aos distintos programas establecidos: investimentos; Servizo de Axuda no Fogar (SAF); fomento do emprego; actividades culturais; actividades deportivas; actuacións/eventos turísticos; feiras, mercados e análogos; administración electrónica e protección de datos; protección civil; e emerxencia sanitaria coronavirus Covid-19.

Dos 21,3 millóns de euros do programa, 15,2 millóns vanse destinar a investimentos. Destacan as melloras e acondicionamento de estradas, accesos a núcleos de poboacións e pavimentación de vías públicas. En total son 329 obras ou subministracións, repartidas entre os 67 concellos da provincia.

En relación co fomento do emprego, os municipios destinarán 3,6 millóns a impulsar iniciativas que permitan a creación de postos de traballo no municipio. Un programa moi importante que permite que as persoas consigan asentarse no lugar onde residen e combater a caída demográfica. En total, vanse realizar 297 contratacións en 59 concellos da provincia.

Con motivo da declaración do Estado de Alarma e a crise sanitaria provocada pola pandemia do coronavirus Covid-19, a Deputación tomou a decisión de incorporar unha nova liña para que as entidades municipais puidesen facer fronte a gastos correntes derivados desta situación. En total, os municipios destinan máis de 1,2M€ para actuacións moi diversas. Por exemplo, a compra de material de protección, adecuación dos lugares públicos ou reforzar os servizos sociais para atallar as necesidades que xorden nos concellos.

En materia de servizos sociais, o Plan Único é o instrumento a través do que a Deputación financia o Servizo de Axuda no Fogar. Os concellos investirán máis de 3M€ a esta prestación. A día de hoxe aténdense a máis de 3.000 veciños e veciños ao abeiro deste servizo, que inclúe un conxunto de atencións e coidados moi variados. En cada caso, realízase unha valoración técnica que ditará que tipos de actuacións son necesarias levar a cabo para dar unha resposta o máis axeitada posible. Entre esas actuacións inclúense atencións de carácter persoal na realización de actividades básicas da vida diaria no domicilio, acompañamento e seguimento de tramitacións e atencións de carácter psicosocial e educativo enfocadas ao desenvolvemento das capacidades persoais básicas, entre outras, que contribúan a mellorar a calidade e ritmo de vida que levan.

Ao abeiro do Plan Único os concellos incluíron actividades ou eventos de promoción turística. Para este programa destinaranse 167.480 euros para o total dos municipios, entre os que destacan spots publicitarios, impulso de novas rutas, sinalización turística, plans de redes sociais ou campañas en medios de comunicación, entre outras.

Este ano os concellos seguen apostando por investir na administración electrónica e protección de datos, programa que ascende a 140.737 euros, superando a cantidade do ano anterior de 105.000 euros.

O Plan Único tamén inclúe nas súas bases un apartado propio para Protección Civil ao que poden acceder aqueles concellos que dispoñen destas agrupacións. Neste programa este ano vanse incluír gastos correntes relativos a estas unidades que ascenden a 16.000 euros.

En canto ao programa relativo a feiras, mercados e outros, nesta anualidade os municipios decidiron destinar preto de 112.000€. Pola súa banda, en actividades culturais tales como escolas de música, teatro ou actuacións ou eventos que se celebren no ano 2020, o orzamento ascende a 278.730 euros.

A Deputación fomenta, así mesmo, o deporte a través deste plan de cooperación. Un total de 148.058 € van destinados a gastos de escolas deportivas, cursos de ximnasia, carreiras populares ou calquera outro evento co espírito de promover os hábitos saudables dende a óptica deportiva.

No que se refire ao programa de reto demográfico, ningún concello solicitou axudas nin presentou proxectos.

Con este programa de investimentos a Deputación de Lugo dá resposta a situacións e necesidades concretas de cada concello, reforzando a súa autonomía e responsabilidade xa que son eles os que deciden en que e como gastar as achegas. Ponse de manifesto que a cooperación entre administracións é a canle para satisfacer as necesidades dos veciños e veciñas da provincia de Lugo, en accións de gobernanza, deseñadas e aplicadas pensando nas persoas.

O Plan Único de Cooperación cos Concellos garante a distribución de fondos públicos con total transparencia e con criterios obxectivos, o que favorece a equidade e o desenvolvemento equilibrado da sociedade e do territorio. É a mellor mostra de que a suma de esforzos, entre Deputación e os Concellos, multiplica os resultados. A día de hoxe é unha fonte de recursos fundamental para impulsar o desenvolvemento e a cohesión social e territorial dos 67 concellos de Lugo a través da dotación, a mellora e o mantemento de servizos e infraestruturas.

ALCOA

A Deputación de Lugo aprobou no Pleno ordinario celebrado este martes, cos votos a favor do PSdeG e o BNG e a abstención do PP, unha proposta presentada polos socialistas na que lle reclaman ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que cumpra as súas promesas electorais con Alcoa. A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, encargada de defender esta moción, recalcou que “desde a Deputación de Lugo sempre amosamos o noso apoio aos traballadores de Alcoa e ás empresas auxiliares e tamén demandamos solucións e medidas ao Goberno central aínda sendo da mesma cor política para evitar o peche de Alcoa e evitar que máis de 500 postos directos e outros tantos das auxiliares se foran á rúa, nunha comarca totalmente rota”.

“Presentamos esta moción para que a Xunta dunha vez por todas se poña a traballar e deixe de estar de perfil. O estatuto de autonomía deixa claro no seu artigo 30 que a competencia é da Xunta de Galicia. En 9 meses Feijóo non ten presentado ningunha proposta completa, ten mudado de opinión en función do que lía nos titulares de prensa. Sementando pesimismo dixo que nunca estivera tan preocupado por Alcoa e despois en plena campaña electoral dixo que arranxaría o problema ao día seguinte se gañaba as eleccións. 20 días despois dos comicios electorais, cunha clara vitoria do PP, non se volveu a falar máis do problema de Alcoa como se de súpeto se esfumase”, remarcou a Deputada.

Loureiro incidiu no compromiso do Grupo Provincial Socialista porque “nunca esquecemos as competencias do Goberno central e incluso nesta mesma institución aprobamos mocións porque sabemos que as competencias en enerxía son do Executivo do Estado”.

Nesta liña cuestionou a posición de Feijóo, que, “con tal de botarlle a culpa ao Goberno, insistiu en repetir a tese da empresa de que o problema era o prezo da enerxía, a pesar de que dende xuño a empresa contou cunha proposta que pon o precio do kw/hora por debaixo de 40 euros, o que a empresa pediu nun principio; e un plan de axudas de 600 millóns de euros en tres anos presentado polo Goberno de España.”

María Loureiro fixo referencia á mesa multilateral celebrada na xornada de onte: “Quero mostrar o meu optimismo racional pero esperanzado de cara ao futuro, xa que o Ministerio de Industria solicitou a Alcoa que negocie co inversor interesado. Como dixo o Secretario de Industria, Raúl Blanco, hai un proxecto alternativo que daría continuidade á Mariña.”

“Como Deputada pola comarca da mariña e como Alcaldesa de Viveiro vexo un albisco de luz e un alo de esperanza para mellorar a situación dos meus veciños e veciñas de Viveiro e de toda a comarca da Mariña. Nestes meses de incerteza e de inquedanza o que fixo máis ruído foi o silencio da Xunta de Galicia, o espeso e teimudo silencio que non foi quen de achegar ningún proxecto industrial”.

A Deputada insistiu no papel que xogou o Presidente da Xunta de Galicia, que aseguraba en campaña electoral que solucionaría a crise de Alcoa se gañaba as eleccións e criticou que se posicionara de parte da empresa, en lugar de “ir da man do Goberno central, que puxo enriba da mesa a aprobación dos fondos de garantía e puxo un inversor solvente disposto a asumir todo o complexo de San Cibrao e aos seus traballadores, asegurando un proxecto industrial de futuro.”

O Grupo Provincial do Partido Popular abstívose na moción do Partido Socialista para reclamar ao presidente da Xunta de Galicia que cumpra as súas promesas electorais con Alcoa, e fíxoo porque se trata dunha clara intención “de manipular” aos traballadores e á cidadanía en xeral. “Intentan confundir”, remarcou o popular, pois quen ten as competencias directas en materia de enerxía é o Goberno Central.

Por este motivo, Castiñeira considera que esta moción carece de sentido dende o momento en que no texto da mesma non se esixe ao Executivo de Sánchez a aprobación do estatuto electrointensivo que é o mecanismo que solucionaría a deriva na que está sumida a factoría de San Cibrao. “É unha tomadura de pelo que non nomeen a aprobación do estatuto. Que non fale del é unha falta de respecto á Mariña e ás familias afectadas”, afirmou.

CENTROS DE SAÚDE

O Pleno aprobou por unanimidade reclamar ao Goberno da Xunta a reapertura dos centros de saúde pechados de Castro de Rei e Parga. O Executivo Provincial condenou o uso da pandemia da COVID-19 por parte da Administración autonómica para recortar servizos básicos.

A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, remarcou que “ultimamente vimos presenciando peches en servizos médicos fundamentais na nosa provincia pero tamén fóra dela. Restricións na atención sanitaria, baixas que non se cobren, vacacións que non se cobren e centros de saúde que ata fai pouco contaban con tres médicos e hoxe non os teñen, están con soamente un. Hai que ter en conta que contamos na nosa provincia cunha poboación moi dispersa, que está máis envellecida cada día e que necesita unha atención de proximidade”.