Skip to main content
ActualidadeCospeitoFriol TERRACHÁXAXermade

As asociacións de veciños recibirán axudas para obras e equipamentos

Por 9 Agosto, 2020Sin comentarios

A Xunta vén de informar esta semana ás entidades beneficiarias da resolución da convocatoria de axudas para 2020 do Plan Específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais.

As achegas do Goberno galego no marco desta orde supuxeron un investimento de 379.400 euros na provincia de Lugo para 29 entidades. O 83% do orzamento está destinado a obras e o resto á adquisición de equipamentos. Entre as primeiras figuran traídas de auga e sobre todo, acondicionamento de locais sociais para uso comunitario e das súas instalacións anexas.

No concello de Riotorto obtiveron apoios catro entidades veciñais e unha en Vilalba. Tamén se financiaron proxectos asociativos nos concellos de Castro de Rei, Cospeito, Friol, Outeiro de Rei, e Xermade.

No conxunto de Galicia, a Administración autonómica destinará a 190 asociacións o orzamento de 2,5 millóns de euros reservado para as axudas deste exercicio, o que supón un incremento do investimento nun 70% respecto ao ano pasado.

As asociacións beneficiarias nesta orde poderán realizar a través destas subvencións obras de rehabilitación e acondicionamento nos seus locais e adquirir novos equipamentos cos que levar a cabo as súas actividades e a prestación de servizos aos veciños. Ademais, poderán mellorar o abastecemento de auga dalgúns núcleos .

A Xunta financia mediante as axudas deste plan actuacións que contribúan a satisfacer as necesidades e demandas da veciñanza e redunden na mellora do benestar dos cidadáns e da calidade de vida local. Desta forma, renova a súa aposta por fomentar o asociacionismo e a dinamización do movemento veciñal.

A contía deste ano con máis de 2,5 millóns de euros é a máis elevada xunto coa de 2016, cando se iniciou esta liña de subvencións. Neste período o Goberno galego leva investido no plan específico de acción comunitaria 10 millóns de euros.

Para as entidades veciñais e as organización de mulleres rurais, o plan conta cunha liña de subvencións para obras de mellora dos inmobles da súa titularidade ou sobre os que teñan dereito de uso; e outra para a compra de equipamentos. Pola súa banda, as comunidades de usuarios de auga poden obter axudas a través deste programa para a execución de obras de reparación e mellora de traídas veciñais de auga.