Denuncian danos dos escaladores á Pena Grande de Vilalba

O Abrigo de Pena Grande, situado na parroquia vilalbesa de Santaballa é un dos xacementos paleolíticos máis importantes de Galicia. Malia esta distinción está sendo utilizado como zona de escalada, tal e como denunciou o colectivo Mariña Patrimonio xunto ao Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (Mupav). Como explican, “esta actividade, e especialmente as que se realizan na base da pena, poden provocar alteracións no xacemento e nos perfís arqueolóxicos. Así mesmo, o magnesio utilizado nas escaladas podería estar alterando a composición química do nivel arqueolóxico. Ademais, a roza da vexetación na zona arqueolóxica posiblemente non conte coas preceptivas autorizacións”.

Os colectivos denunciantes veñen de poñer en coñecemento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural estes feitos. Desde o Mupav aseguran que hai anos xa advertiron a unhas persoas e que hai semanas atoparon novos danos en Pena Grande.

Etiquetas