Skip to main content
ActualidadeMeiraRiotorto

Suspenden o roteiro Avelino Díaz pero anuncian novas accións de divulgación

Por 26 Agosto, 2020Sin comentarios

A Asociación Cultural Avelino Díaz anuncia que, por primeiro ano desde que a iniciativa fora posta en marcha, este verán non realizará a convocatoria do Roteiro Avelino Díaz. Non o fará, pola situación sanitaria que se está vivindo coa pandemia do coronanvirus.

O Roteiro Avelino Díaz foi concibido coa idea de rememorar o camiño que Avelino e a súa familia realizaron desde o lugar da Travesa, na Órrea –onde naceu– ata A Pena, en Meira –onde viviu durante a súa adolescencia e primeira xuventude–.

Trátase, por outra parte, dun dos camiños máis transitados secularmente polos habitantes da comarca da Terra de Miranda para chegar ao centro comarcal que supón Meira e, particularmente, á súa feira quincenal. A convocatoria anual da andaina concibiuse como unha maneira sinxela e ao mesmo tempo efectiva pola grande aceptación popular que ten, de reivindicar a figura de Avelino Díaz e da súa obra.

Cabe recordar que a Asociación Cultural Avelino Díaz persegue que ao autor se lle dedique un Día das Letras, precisamente porque esa sería a única maneira de poder rescatar os 851 poemas que permanecen inéditos ou sen localizar, ademais da súa obra xornalística ou dramática. Debe lembrarse tamén que o autor só deixou publicados catro libros de poemas, que recollen unha ínfima parte da súa inmensa obra.

A situación sanitaria desaconsellou a realización da convocatoria deste ano, pero a Asociación segue desenvolvendo as súas actividades, tanto de investigación como de divulgación da obra de Avelino. Así, nos próximos meses será presentado un libro sobre autor, será realizada unha actividade académica coincidindo co seu aniversario, ademais de estar aberto o prazo para presentación de orixinais para o Certame literario que convoca anualmente, entre outras iniciativas. O propio roteiro, por outra parte, está sendo re-sinalizado durante estes días.