Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Seguen coa ‘Formación del Espíritu Nacional’

Por 14 Setembro, 2020Sin comentarios

Por Raúl Río

O nacionalistas españois que renegan dese cualificativo -porque o utilizan en plan despectivo para descualificar aos nacionalismos periféricos-, aínda seguen ancorados no nacional-catolicismo e no seu espírito guerreiro e violento dos corenta anos de franquismo e outros tantos da dinastía borbónica, nos que aínda podemos ver como unha gran  maioría seguen “al alegre paso de las banderas victoriosas” da extrema dereita.

Son os que acusan aos nacionalismos cataláns, galego e vasco, de manipular aos nenos por reivindicar a utilización dos seus idiomas maternos e por ensinarlles a historia das súas respectivas nacións, porque queren ser suxeitos activos e ser eles os que escriben a súa propia historia e non que lle la conte o centralismo á súa maneira. Sen embargo, como veremos, son eles os que verdadeiramente manipulan, e, a diferencia entre eses nacionalismos periféricos das nacións sen Estado e o nacionalismo español é que, mentres os primeiros son democráticos, internacionalistas e solidarios o españolista é, polo normal, fascista, supremacista, violento e imperialista.

Todos sabemos o doado que é manipular a vontade dun neno con un caramelo, outro tipo de garrida, ou con un xoguete co que brinquen a ser maiores, pero si a manipulación dese neno é para conseguir réditos políticos, ademais de ilegal, rompe a ética e causa repugnancia en calquera sociedade pacífica e minimamente democrática. Sen embargo, mentres a ONU condena ese tipo de manipulación e a utilización de nenos como soldados, un grupo de veteranos do exército español non tivo mellor idea que organizar campamentos de verán para nenos soldado, organizando actividades de ocio, nas que se dá instrución militar a menores, ensinándolles a disparar con armas simuladas. Usan pistolas e fusiles que son réplicas exactas das do Exército Español, pero estas armas, que na vez de balas disparan bolas de plástico, non son inofensivas, xa que un impacto nun ollo pode causar lesións irreversibles, polo que é obrigatorio levar gafas, ademais de protectores bucais, e no Estado Español está prohibido o seu uso para menores de 14 anos.

A Administración, que está obrigada facer cumprir as súas propias leis e a velar polos dereitos da infancia, un dos cales é non ser adoutrinada, vemos que aquí mira para outro lado, a pesar de que o uso de armas -incluso simuladas-, contradí a vixente lei educativa que sinala como un dos seus fins e principios a educación para a paz, non so na ensinanza, senón en todos os ámbitos: persoal, familiar e social. Pero parece que a extrema dereita ten bula para violar a Lei de Memoria Histórica, porque nestes campamentos de “orientación militar”, que levan o nome de Don Pelayo e teñen no seu escudo a silueta do mítico caudillo asturiano, contan con unha media ducia de iniciativas con nomes tan evocadores do pasado imperial español como Gran Capitán, Tercios de Lezo ou Millán Astray, o fascista aquel que lle berrou a Miguel de Unamuno: “Muera la inteligencia! Viva la muerte!”, o que nos dá unha idea do que lles deben ensinar alí, ou, mellor dito, como embrutecen nese campamento a eses infantes.

O director asegura que “no campamento fálase de valores e os valores non teñen nada que ver coa política. Afirma que hai moita xente dentro disto” e que “nin sequera ten nada que ver con Vox”, sen embargo, Gema, a que fai de coordinadora, foi concelleira do PP en Torrejón do Rei (Guadalaxara) e nas municipais do ano pasado presentouse de candidata por Vox.

Segundo eles, esta clase de campamentos teñen como fin restaurar valores como o “patriotismo”, porque din que é “algo importante que perdemos e que temos que recuperar”, afirmando que  esta clase de campamentos viñeron a encher o oco deixado polo fin da “mili” obrigatoria, do que se pode deducir que nos levaban a perder o tempo no servizo militar para facernos “patriotas españois”, enxalzando os valores castrenses e un constante lavado de cerebro.

Pero esta idea dos campamentos nin sequera é deles, pois copiaron esa moda dos Estados Unidos, onde xa cumpren a misión de auténticos reformatorios para rehabilitar a delincuentes xuvenís e onde moitos non utilizan armas simuladas senón reais e contan con instrutores da tamén fascista, Asociación Nacional do Rifle.

Dá grima pensar o escasos que deben andar de ideas e de argumentos estes nacionalistas españois cando teñen que botar man deste adoutrinamento tan brutal para converter en “patriotas” a eses nenos que deberan estar instruíndose na escola e cultivando a sensibilidade que lles ensine a ser solidarios cos demais, a respectar ao diferente, a amar ao próximo e preparalos para a paz, na vez inculcarlles os instintos mais negros do xénero humano; de preparalos para a guerra e matar a todos aqueles que consideren inimigos porque non pensan como lles obrigaron a pensar a eles neses campamentos onde lles “formatean” o disco duro, para que non quede nel o mínimo rastro de intelixencia.